Listado de novas
Noticia
08 mar 2021
A Xunta ven de presentar 10 programas de fomento da mobilidade sostible e modernización do transporte para investir 400 millóns de fondos europeos de recuperación con 2.300 empregos asociados. As actuacións perseguen dotar ás cidades galegas de infraestruturas que as fagan máis limpas, máis humanas e máis transitables, con aparcadoiros disuasorios ou os carrís VAO, como os que se propón entre A Coruña e Arteixo. O Goberno galego quere reforzar a competitividade do transporte mellorando os accesos ao Porto Seco de Monforte, a San Cibrao das Viñas, ao polígono da Granxa, no Porriño, e ao parque empresarial da Veigadaña, en Mos. Os proxectos agrúpanse arredor de cinco grandes obxectivos: a) Mellorar a competitividade e seguridade do transporte de mercadorías. b) Garantir a xestión dixital do transporte público. c) Priorizar o transporte público nos ámbitos urbanos e metropolitanos. d) Facilitar os desprazamentos non motorizados en todos os ámbitos. e) Ofrecer alternativas de mobilidade permanente.
Noticia
22 dec 2020
A Xunta de Galicia completou o proceso de contratación da asistencia técnica para a análise e planificación das infraestruturas para a Estratexia Loxística de Galicia 2020-2028. O proceso contou coa participación dun total de 5 empresas, resultando adxudicataria a UTE formada polas enxeñarías Teirlog e Iceacsa. A Estratexia Loxística de Galicia, complementaria da Estratexia Galega de Mobilidade, permitirá potenciar as infraestruturas e o transporte de mercadorías no territorio galego, en tempos e condicións competitivas, no marco dunha economía globalizada, contribuíndo á cohesión territorial de Galicia e a minimizar o efecto da súa posición periférica posicionándose como porto da fachada atlántica. A análise dos fluxos principais do transporte de mercadorías por estrada e o estudo das sinerxías, compatibilidades, ámbitos de mercado e complementariedade permitirán mellorar a competitividade do sector en Galicia. Esta estratexia abordará a planificación axeitada das infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico de Mercadorías, para facilitar o acceso a fondos europeos que permitan modernizar este trazado na comunidade autónoma galega, así como proxectos estratéxicos como a Saída Sur de Vigo e a conexión ferroviaria do Porto de Langosteira, entre outros. Trátase, en definitiva, de definir un conxunto de actuacións precisas para garantir a competitividade da rede ferroviaria de mercadorías e para estender ao conxunto de Galicia as potencialidades do Corredor Atlántico a través dunha acción intermodal e capilar.
Noticia
22 dec 2020
A Xunta de Galicia baixará en 2021 o prezo das peaxes de varios treitos das autoestradas autonómicas e manterá estable o prezo do resto, polo que as autoestradas A Coruña – Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) continuarán entre as máis baratas de España. A baixada afectará aos vehículos pesados de tipo 1 nos treitos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona da AG-57 e no treito Paiosaco – A Laracha da AG-55, así como aos vehículos pesados de tipo 2 en distintos treitos de ambas vías. No ano 2021 comezaranse a aplicar as bonificacións a usuarios que pertenza a familias numerosas e seguirase co réxime de bonificacións para usuarios frecuentes con ida e volta no mesmo día (25% na primeira viaxe de volta e 50% nas seguintes) e para viaxes en horario nocturno (50% nas viaxes realizadas entre as doce da noite e as 6 da maña), sempre que o pago se faga con sistema de telepeaxe.
Noticia
22 dec 2020
O Tribunal de Xustiza Europeo confirma que a Directiva europea sobre o desprazamento de traballadores (aprobada en 1998 e modificada en 2015) é de aplicación tamén aos condutores profesionais que realizan servizos de transporte e de cabotaxe internacional; polo que as súas empresas terán que garantir a aplicación dos convenios colectivos en vigor no territorio onde desenvolven a súa actividade. Segundo o TXE, a Directiva aplicase a calquera prestación de servizo transnacional que implique o desprazamento de traballadores, sen importar o sector económico do que se trate, co obxectivo de combinar a prestación de servizos transnacionais cunha competencia leal e o respecto aos dereitos dos traballadores. Neste marco, calquera traballador pode considerarse desprazado ao territorio dun Estado membro si o traballo realizado ten un vínculo suficiente con ese territorio, valorándose a natureza das actividades desenvoltas, o grado de intensidade do vínculo e o peso das actividades no conxunto do servizo de transporte. En España está pendente a tramitación para modificar a actual regulación legal sobre o desprazamento de traballadores no sector do transporte, incluída no Paquete europeo de mobilidade aprobado o pasado mes de xullo. O propósito é asegurar que as empresas cumpran as condicións de emprego mínimas establecidas nos distintos convenios colectivos dos países onde opera os seus traballadores, especialmente en canto a salario.
Noticia
22 dec 2020
A Asociación europea de fabricantes de automóbiles (ACEA) e científicos do Instituto de Potsdam para a investigación do impacto climático (PIK) chegaron á conclusión de que para 2040 todos os camións novos vendidos deben estar libres de fósiles para acadar a neutralidade de carbono en 2050 (compromiso da UE a través da Lei europea do clima). Segundo ACEA, o cambio climático é o desafía máis fundamental da nosa xeración, mentres o transporte por estrada desempeña un papel crucial na posta a disposición dos cidadáns de alimentos, medicamentos e outros ben esenciais, incluso en momentos de crisis sanitaria. ACEA e PICK realizaron unha declaración conxunta, publicada o 15 de decembro, na que describen a folla de ruta e as condicións para transformar o sistema de transporte de mercadorías por estrada, que inclúe tarifas das estradas baseadas en emisións de CO2, a revisión do sistema impositivo vinculado á enerxía e a configuración dunha rede de infraestrutura de carga/reabastecemento axeitada para camións.
Noticia
10 dec 2020
O 19 de decembro terá lugar a convocatoria de 2020 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte, conforme se recolle na Resolución do 26 de novembro de 2020, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (DOG Núm. 245, de 4 de decembro de 2020: https://xurl.es/valef ). Anteriormente, o día 16 de decembro celebrarase a quinta convocatoria de 2020 dos exames para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), que permite a actividade de condutor/a profesional nunha empresa de transporte público por estrada. Ambas probas celebraranse no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. As probas efectuaranse por quendas, en xornada de maña e de tarde, segundo o tipo de exame a renovar ou obter. As probas realízanse cumprindo coas medidas de prevención fronte á Covid-19, sendo obrigatorio o uso de máscara en todo momento, tanto no exterior como no interior das instalacións. Os aspirantes non poderán acceder ao edificio ata que un membro do tribunal comece o chamamento e, para evitar aglomeracións, prégase presentarse a cada hora só as persoas que vaian realizar a proba dese horario. Non se permitirá o acceso con teléfonos móbiles, nin con ningún outro dispositivo electrónico análogo, tales como reloxos intelixentes. Pódese obter máis información no espazo web de formación da Dirección Xeral de Mobilidade: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Formacion
Noticia
09 dec 2020
O Plan de rescate da Xunta, cun investimento de 84 millóns de euros, prevé beneficiar a máis de 30.000 autónomos e 10.000 microempresas, en canto motor económico de Galicia e unha peza clave da economía galega. Este plan de rescate caracterízase pola accesibilidade dos seus requisitos e a axilidade á hora de tramitar as axudas, xa que en cuestión dun mes os primeiros solicitantes xa estarán cobrando o apoio económico para contribuír ao mantemento da súa actividade empresarial. As liñas de apoio son: a) Para autónomos, con e sen persoal ao seu cargo. b) Para microempresas e autónomos con persoa a cargo. c) Para os establecementos hostaleiros afectados polos peches. O primeiro dos programas xa está publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e prevese activar os dous restantes nos próximos días.
Noticia
09 dec 2020
Os países asinantes do Acordo internacional do transporte de mercadorías perigosas acordaron a publicación dun segundo Acordo Multilateral M330 para permitir unha nova prórroga da vixencia dos permisos de conducir de mercadorías perigosas, así como dos certificados de conselleiro de seguridade. Esta prórroga, ata o próximo 28 de febreiro de 2020, é de aplicación aos permisos de condutor de mercadorías perigosas (certificado ADR) e aos certificados de conselleiro de seguridade cuxa validez finalice entre o 1 de marzo de 2020 e o 1 de febreiro de 2021.
Noticia
09 dec 2020
A Xefatura Central de Tráfico desenvolverá un sistema telemático para que as empresas dedicadas ao transporte de persoas ou de mercadorías poidan coñecer si un condutor profesional que traballa para elas se encontra habilitado legalmente para conducir sen ser preciso o consentimento do traballador. Este punto recóllese no Anteproxecto de Lei, aprobado no Consello de Ministros de 10 de novembro de 2020, e polo que se modifica o Texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria, en todo o relacionado co permiso e a licenza de condución por puntos. Este Anteproxecto inclúe un paquete de reformas legais para reducir os accidentes de tráfico, aumentando os puntos a retirar por comportamentos de risco para a condución e impulsando os cursos de condución segura como mecanismo para mellorar a formación viaria dos condutores.