Listado de novas
Noticia
30 set 2020
Os transportistas, ao igual que o resto de viaxeiros, que están nalgún territorio con alta incidencia de COVID-19 nos últimos 14 días anteriores á entrada en Galicia, están comunicando esta situación á Xunta de Galicia a través do teléfono 881 002 021 ou do formulario web dispoñible na web do Sergas. Regularmente, a Consellería de Sanidade publica no DOG e na web do Sergas a lista actualizada de territorios clasificados como de alta incidencia. www.sergas.gal
Noticia
30 set 2020
As plantas españolas de produción de vehículos comerciais e industriais fabricaron un total de 17.402 unidades, o que supón un 26,2% máis que o mesmo mes do ano pasado. Este dato débese a unha maior produción dos comerciais lixeiros. A produción de vehículos comerciais e industriais acumulada nos primeiros oito meses de 2020 é de 266.178 unidades, o que supón unha caída do 30,3% con respecto ao ano anterior. O bo ritmo da exportación reduce a caída dos primeiros oito meses do ano, sendo destacable o importante aumento de exportacións de vehículos comerciais e industriais no mes de agosto, que foron 15.458 das 200.164 unidades acumuladas no que vai de ano e deixan a caída nun 25% do total do mesmo período do ano pasado.
Noticia
07 set 2020
A Xunta de Galicia ven de publicar no DOG a convocatoria dos exames para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril. O 13 de setembro remata o prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas e os exames terán lugar en novembro previa publicación no DOG da data, horarios e medidas de seguridade sanitaria. As solicitudes achegaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando o procedemento IF310A: https://sede.xunta.gal/ Os exames abranguerán as seguintes especialidades: (a) Todas as clases. (b) Clase 1 (materias e obxectos explosivos). (c) Clase 2 (gases). (d) Clase 7 (materias radioactivas). (e) Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9 (materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada –ADR– e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas –RID–). (f) Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno). A proba constará de dous exercicios, o primeiro consistirá en responder 50 preguntas tipo test e o segundo céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente.
Noticia
04 set 2020
A Xunta de Galicia licita a redacción da Estratexia galega de mobilidade para definir unha rede coordinada de servizos e infraestruturas moderna, sostible e eficiente. Este contrato foi licitado por un importe de máis de 922.000 euros e cun prazo de execución de dous anos. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 14 de setembro para presentar as súas ofertas. En concreto, licítase a asistencia técnica para a elaboración da Estratexia galega de mobilidade, para a determinación das necesidades do conxunto de infraestruturas de Galicia en todos os modos de transporte e a intermodalidade, e o Plan director de estradas de Galicia (PDEG). A Estratexia galega de mobilidade será un instrumento integral e de futuro que incluirá a definición e planificación das infraestruturas necesarias para a mobilidade das persoas, coordinada coa mobilidade das mercadorías, e buscando un escenario óptimo de mobilidade no que o custo global da mesma diminúa. Esta licitación responde ao contexto de loita contra o cambio climático de acordo coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e ao actual marco estratéxico de clima e enerxía da UE para 2030 e aos compromisos contraídos no Acordo de París de 2015.
Noticia
31 ago 2020
O 20 de agosto de 2020 entrou en vigor o Regulamento (UE) 2020/1054, do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de xullo de 2020, polo que se modifica o Regulamento (CE) 561/2006, no relativo aos requisitos mínimos sobre os tempos de condución máximos diarios e semanais, as pausas mínimas e os períodos de descanso diarios e semanais, e o Regulamento 165/2014, no relativo ao posicionamento mediante tacógrafos. A UE recalca que os tempos máximos de condución por día e por semana son eficaces para mellorar as condicións sociais dos condutores e a seguridade vial en xeral. Este Regulamento fundaméntase nos principios de seguridade vial, claridade, proporcionalidade e coherencia da normativa, transparencia e previsibilidade na programación dos períodos de descanso, e a efectividade no control. As principais novidades que se inclúen son: - Flexibilidade de 1-2 horas no límite máximo de condución diaria ou semanal condicionado ao obxectivo de comezar co descanso semanal. - Prohibición dos descansos semanais normais en cabina. - Descansos semanais máis flexibles no transporte internacional. - Regreso ao centro de traballo / lugar de residencia cada 3-4 semanas. Ademais, no 2023 prevese dispor dunha segunda xeración de tacógrafos intelixentes e no 2025 ampliarase o período de comprobación dos tacógrafos, entre outros aspectos.
Noticia
31 ago 2020
O pasado 31 de xullo de 2020 publicouse o Regulamento (UE) 2020/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, de 15 de xullo de 2020, sobre información electrónica relativa ao transporte de mercadorías (Texto pertinente a efectos do EEE). Este regulamento establece un marco xurídico uniforme a escala da UE para que os operadores de transporte intercambien en formato electrónico a información relevante en materia de transporte de mercadorías legalmente esixida. O uso de medios electrónicos para o intercambio da información regulamentaria aumentará a eficiencia das autoridades competentes, optimizará os custos administrativos dos operadores económicos e reducirá os tempos de espera durante as inspeccións. A Comisión Europea definirá as especificacións técnicas das plataformas electrónicas para realizar este intercambio de información en 2022, que terán que desenvolver os Estados membros co propósito de que os operadores de transporte poidan empregalas a partires de agosto de 2024.
Noticia
28 ago 2020
A revista da DGT, na súa edición de xullo, recolle unha entrevista ao doutor Enrique Mirabet, da Sociedade Española de Medicina de Tráfico, na que se sinala que os tratamentos por COVID poden presentar efectos adversos para a condución e inclúen un artigo sobre os efectos ao volante relacionados con esta enfermidade. Os condutores profesionais que padeceran COVID-19 deben valorar co seu médico de cabeceira a súa incorporación á actividade. En todo caso, deberán prestar atención a calquera alteración da saúde que poida condicionar a condución: fatiga, dolor muscular e articular, insuficiencia respiratoria, alteracións cognitivas, problemas de visión, mareos... Aínda que non se padecera a enfermidade, as repercusións económicas, sociais ou familiares poden alterar a capacidade do condutor profesional, polo que deben estar atentos a aspectos como o estrés, a dificultade de concentración ou o insomnio. E como calquera outro cidadán, o condutor profesional deberá prestar atención a determinados síntomas que poidan indicar que ten a COVID-19: febre, tose, dor de gorxa, ausencia de gusto, debilidade muscular, dificultade respiratoria aguda...
Noticia
28 ago 2020
Unha enquisa do instituto de sondaxe de opinión GAD3, elaborada para a Fundación Corell (www.fundacioncorell.es), mostra que o 97% da poboación española e o 100% da galega consideran que o sector do transporte de mercadorías por estrada tivo un papel fundamental e esencial durante a crise sanitaria, permitindo que o abastecemento e subministro de produtos básicos se producira con normalidade. Tres de cada catro enquisados afirmaron que a imaxe e percepción dos transportistas e do sector do transporte mellorou a raíz do seu papel durante a crise sanitaria. Entre os últimos logros do sector, os máis valorados son a fiabilidade e a puntualidade nas entregas, así como a aplicación de novas tecnoloxías para optimizar o fluxo de mercadorías. O obxectivo desta análise era medir a repercusión da actuación do sector do transporte durante o confinamento, nun marco de importantes dificultades operativas e financieiras.
Noticia
31 xul 2020
Conforme se recolle na Plataforma Online del Transporte de Mercancías por Carretera (NEXOTRANS), a semana pasada celebrouse a cuarta reunión do grupo de traballo constituído para analizar a situación da dixitalización do transporte de mercadorías en España e deseñar as accións necesarias para potenciar o uso da documentación electrónica. Este grupo de traballo está formado por once asociacións da cadea de subministro, cinco autoridades portuarias e dez plataformas tecnolóxicas, representando a máis de 300.000 empresas. A través dun comunicado explican a importancia das solucións dixitais na cadea loxística, non só en termos de xeneralización do uso de ferramentas tecnolóxicas, senón tamén aportando vantaxes nos custos, a eficiencia, a seguridade do transporte e a loxística, e a transparencia na xestión do transporte de mercadorías. O grupo tamén abordou os efectos da inspección en estrada, a integración do DET nos sistemas de xestión das Peme e a formación específica nestes ámbitos.