Nova
Noticia
Licítase a redacción da Estratexia galega de mobilidade
04 set 2020
A Xunta de Galicia licita a redacción da Estratexia galega de mobilidade para definir unha rede coordinada de servizos e infraestruturas moderna, sostible e eficiente.

Este contrato foi licitado por un importe de máis de 922.000 euros e cun prazo de execución de dous anos. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 14 de setembro para presentar as súas ofertas.

En concreto, licítase a asistencia técnica para a elaboración da Estratexia galega de mobilidade, para a determinación das necesidades do conxunto de infraestruturas de Galicia en todos os modos de transporte e a intermodalidade, e o Plan director de estradas de Galicia (PDEG).

A Estratexia galega de mobilidade será un instrumento integral e de futuro que incluirá a definición e planificación das infraestruturas necesarias para a mobilidade das persoas, coordinada coa mobilidade das mercadorías, e buscando un escenario óptimo de mobilidade no que o custo global da mesma diminúa.

Esta licitación responde ao contexto de loita contra o cambio climático de acordo coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e ao actual marco estratéxico de clima e enerxía da UE para 2030 e aos compromisos contraídos no Acordo de París de 2015.