Listado de novas
Noticia
30 abr 2021
Conducir con alerxia pode aumentar un 30% o risco de sufrir un accidente durante o traxecto, segundo un estudo da plataforma acierto.com recollido pola revista da Dirección Xeral de Tráfico. Sufrir un pico de alerxia ao volante (con repetición de esbirros, ollos chorosos e constante moqueo) diminúe a atención que se presta á estrada provocando unha condución “a cegas”. A irritación e as bágoas aumentan a sensibilidade ás luces e o sol, e a sensación de fatiga afecta tamén á visión. Os consellos sinalados son: - Manter as xanelas pechadas, empregar filtros para o aire acondicionado e cambialos coa frecuencia recomendada. - Coidar a limpeza do vehículo porque o po contén ácaros, causa de moitas alerxias. - Utilizar gafas de sol axuda a reducir as bágoas. - Cambiarse de roupa (si estivemos no exterior) e lavarse a cara e os ollos antes de saír nunha viaxe longa. - Evitar conducir por zonas con moita concentración de pole (si é posible) e intentar non conducir nin ao amencer nin ao anoitecer (hai máis pole). - Consultar cun alergólogo e outros especialistas e evitar a automedicación. - Non consumir alcohol porque pode potenciar os efectos adversos dalgúns medicamentos indicados para as alerxias. - Non fumar dentro do vehículo para non agravar os síntomas. Débese consultar os niveis de pole na web da Rede Española de Alergoloxía, especialmente en desprazamentos por distintas provincias e rexións.
Noticia
30 abr 2021
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), a través da Dirección Xeral de Transporte Terrestre, presentou ao Comité Nacional de Transporte por Estrada o resultado da execución do Plan nacional de inspección de transporte por estrada de 2020, un de cuxos principais obxectivos é o control da condución e descanso dos condutores profesionais. Neste senso, as actuacións inspectoras realizaron un control de 3.023.496 xornadas superando o 3% de xornadas que, como mínimo, esixe a Unión Europea aos Estados Membro, a pesar de que a execución do Plan do ano 2020 se viu afectada polo estado de alarma consecuencia da COVID. Como resultado da inspección, incoáronse 43.519 expedientes, dos cales o 58,8% corresponde a infraccións leves. A porcentaxe de infraccións sobre xornadas controladas en estrada foi do 2,4% e no control en empresa do 1%. Outro dos obxectivos principais do Plan é a detección do fraude e a competencia desleal, habéndose detectado 781 infraccións nas inspeccións de empresas “buzón” e 127 en cooperativas de traballo asociado fraudulentas.
Noticia
30 abr 2021
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) ven de publicar as bases (BOE núm. 57, de 8 de marzo) e a convocatoria (BOE núm 84, de 8 de abril) dos Premios Matilde Ucelay para 2021. O obxecto destes premios é recoñecer publicamente a labor de persoas ou entidades que participaron de maneira destacada no avance cara unha sociedade máis inclusiva e equitativa no sector dos transportes, a mobilidade e o urbanismo. Os galardóns, con esta denominación, tamén queren render homenaxe á primeira muller arquitecta de España, Matilde Ucelay Maortúa, que obtivo o título no ano 1936 e que, pese ás enormes dificultades ás que tivo que enfrontarse, desenvolveu a súa carreira durante máis de 40 anos, obtendo no ano 2004 o Premio Nacional de Arquitectura en recoñecemento á súa “traxectoria excepcional”. Os premios comprenden as categorías de traxectoria persoal, proxecto e entidade; valorándose tanto as actuacións ou as labores desenvoltas no logro da igualdade entre homes e mulleres, como o impacto social e a súa repercusión.
Noticia
31 mar 2021
O 7 de abril de 2021 terá lugar o primeiro exame de cualificación de condutores (CAP) deste ano, para o que hai 705 interesados inscritos, dos cales 624 están inscritos na modalidade de mercadorías e 81 na de viaxeiros. O exame desenvolverase no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, cumpríndose coas medidas establecidas en relación á prevención da covid-19, sendo obrigatorio o uso de máscara, tanto no interior como no exterior das instalacións. A entrada ao edificio farase por chamamento dun membro do tribunal, non se permitirá o acceso con teléfonos móbiles, nin con ningún outro dispositivo electrónico análogo, e prégase presentarse a cada hora só as persoas que vaian realizar a proba nese horario. O exame constará de 100 preguntas tipo test. O tempo de realización do exame será de 2 horas e para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles. Finalizado o exame, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, publicaranse as actuacións posteriores, tales como a relación de respostas correctas, a relación provisional de aptos/as e non aptos/as ou a relación definitiva. Ao longo do ano 2021 está prevista a celebración doutros 5 exames, conforme ao recollido na Resolución do 16 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada (DOG 02/03/2021). Pódese obter máis información no espazo web de formación da Dirección Xeral de Mobilidade: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Formacion
Noticia
31 mar 2021
O DOG do 30 de marzo de 2021 publica a listaxe de entidades beneficiarias das axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia desenvolta no ano 2020 e as cantidades das subvencións concedidas. As entidades beneficiarias son 10 asociacións e federacións de transporte de mercadorías ou de pasaxeiros de Galicia: ACOTRADRES, ANETRA-GALICIA, ASETRANSPO, FEGABUS, FEGATRAMER, FEGATRANS, FEGATRAVI, FETRAM, GALEVAL e TRANSGACAR. Pese á situación sanitaria, estas axudas posibilitaron que as entidades beneficiarias realizasen un total de 135 cursos, cunha participación global de 1.699 persoas (769 na provincia de A Coruña, 224 na de Lugo, 173 na de Ourense e 533 na de Pontevedra). Cabe resaltar que case a metade dos beneficiarios (49,5%) tiñan entre 46 e 55 anos e máis da metade (53,2%) realizou o curso por iniciativa propia. Máis de 5/7 dos alumnos (72,6%) eran traballadores por conta allea, un sétimo (14,2%) traballadores por conta propia e case outro sétimo ( 13,3%) desempregados. Os cursos impartidos atenderon á seguinte temática: - CAP: 64 cursos, de 35 horas cada un. - ADR (transporte de mercadorías perigosas): 21 cursos, de 18, 24 e 36 horas. - Conselleiro de seguridade: 1 curso de 36 horas. - Normativa e lexislación relacionada co transporte: 22 cursos. - Tacógrafos e tempos de condución e descanso: 22 cursos. - Manipulación de mercadorías: 5 cursos.
Noticia
31 mar 2021
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 23 de marzo a resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se convocan as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada. En 2021, estas probas obrigatorias de competencia profesional, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, prevé dúas quendas de exames, a primeira das cales se fixa entre o 17 de abril e o 27 de xuño, mentres a segunda entre o 2 de outubro e o 19 de decembro. Os interesados en participar na primeira convocatoria teñen un mes de prazo para presentar a súa solicitude, que conta desde o día seguinte ao da publicación da citada resolución. As solicitudes de inscrición tense que presentar a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. O número de convocatorias e o calendario dos exames serán publicados no DOG cunha antelación mínima de 15 días naturais á data elixida, podendo ser modificados en función da evolución da situación sanitaria derivada da covid-19. No seguinte enlace ao DOG poden consultarse todos os requisitos que deben cumprir os interesados: https://xurl.es/x94k3
Noticia
31 mar 2021
A candidatura galega aos fondos Next Generation conta xa con 354 proxectos maduros e viables, cun orzamento estimado de 19.698 millóns de euros. Máis dun terzo (34,6%) dos proxectos pertencen a sectores económicos e industriais. As cinco cadeas de valor, aliñadas cos obxectivos marcados por Europa e España, son: - A economía circular e transición enerxética. - A mobilidade sustentable. - Os hubs de innovación, a industria 4.0 e as TIC. - As cadeas mar–industria e agro–industria. - A sanidade, a vida saudable e a economía dos coidados. No eido das infraestruturas e a mobilidade, os proxectos pretenden avanzar cara os obxectivos de crecemento verde, reconstrución económica e loita contra a despoboación; subliñandose a necesidade de consolidar unha mobilidade sostible, modernizar e dixitalizar o transporte, e impulsar a intermodalidade.
Noticia
31 mar 2021
A Xunta de Galicia, a través do Igape e en colaboración co Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, pon en marcha unha oficina para ofrecer asistencia ás empresas na preparación dos proxectos para a súa presentación ás distintas convocatorias dos fondos europeos Next Generation, proporcionándolles apoio tanto na xestión técnica como na administrativa dos fondos de recuperación captados, e realizando unha avaliación continua do impacto xerado polos investimentos. A Xunta de Galicia apoiará distintos proxectos do sector da automoción no eido da mobilidade sustentable e automatizada presentados ás Manifestacións de Interese, como a iniciativa impulsada por Aclunaga relativa á mobilidade eléctrica, colaboracións entre o CTAG e outros centros, etc. AutoAncora é un proxecto sectorial que aposta pola transformación dixital e ecolóxica da automoción, por optimizar os fluxos loxísticos, por aumentar a capacitación dos profesionais, por desenvolver as tecnoloxías do vehículo do futuro (conectado, autónomo e eficiente) e por crear un laboratorio dedicado á propulsión limpa.
Noticia
29 mar 2021
Un ano máis, a Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para a realización de formación de interese público para o sector do transporte por estrada en Galicia, por un importe total de 400.000 euros. Estas axudas están dirixidas ás asociacións profesionais de transportistas e de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte (ou federación destas). As entidades solicitantes deberán presentar un sinxelo plan formativo que abarque todos os cursos que pretendan desenvolver durante o ano 2021. As acción formativas deberán adecuarse á relación básica de cursos e .a guía de referencia que establece a Dirección Xeral de Mobilidade. O prazo de presentación é dun mes desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG. Núm. 48, de 11 de marzo de 2021.). Os interesados teñen a distinta documentación no apartado de axudas e subvencións da área de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.