Nova
Noticia
1.699 persoas participaron nos 135 cursos de formación subvencionados en 2020
31 mar 2021
O DOG do 30 de marzo de 2021 publica a listaxe de entidades beneficiarias das axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia desenvolta no ano 2020 e as cantidades das subvencións concedidas.

As entidades beneficiarias son 10 asociacións e federacións de transporte de mercadorías ou de pasaxeiros de Galicia: ACOTRADRES, ANETRA-GALICIA, ASETRANSPO, FEGABUS, FEGATRAMER, FEGATRANS, FEGATRAVI, FETRAM, GALEVAL e TRANSGACAR.

Pese á situación sanitaria, estas axudas posibilitaron que as entidades beneficiarias realizasen un total de 135 cursos, cunha participación global de 1.699 persoas (769 na provincia de A Coruña, 224 na de Lugo, 173 na de Ourense e 533 na de Pontevedra).

Cabe resaltar que case a metade dos beneficiarios (49,5%) tiñan entre 46 e 55 anos e máis da metade (53,2%) realizou o curso por iniciativa propia. Máis de 5/7 dos alumnos (72,6%) eran traballadores por conta allea, un sétimo (14,2%) traballadores por conta propia e case outro sétimo ( 13,3%) desempregados.

Os cursos impartidos atenderon á seguinte temática:
- CAP: 64 cursos, de 35 horas cada un.
- ADR (transporte de mercadorías perigosas): 21 cursos, de 18, 24 e 36 horas.
- Conselleiro de seguridade: 1 curso de 36 horas.
- Normativa e lexislación relacionada co transporte: 22 cursos.
- Tacógrafos e tempos de condución e descanso: 22 cursos.
- Manipulación de mercadorías: 5 cursos.