Nova
Noticia
Máis de 700 inscritos para o primeiro exame CAP de 2021
31 mar 2021
O 7 de abril de 2021 terá lugar o primeiro exame de cualificación de condutores (CAP) deste ano, para o que hai 705 interesados inscritos, dos cales 624 están inscritos na modalidade de mercadorías e 81 na de viaxeiros.

O exame desenvolverase no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, cumpríndose coas medidas establecidas en relación á prevención da covid-19, sendo obrigatorio o uso de máscara, tanto no interior como no exterior das instalacións.

A entrada ao edificio farase por chamamento dun membro do tribunal, non se permitirá o acceso con teléfonos móbiles, nin con ningún outro dispositivo electrónico análogo, e prégase presentarse a cada hora só as persoas que vaian realizar a proba nese horario.

O exame constará de 100 preguntas tipo test. O tempo de realización do exame será de 2 horas e para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

Finalizado o exame, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, publicaranse as actuacións posteriores, tales como a relación de respostas correctas, a relación provisional de aptos/as e non aptos/as ou a relación definitiva.

Ao longo do ano 2021 está prevista a celebración doutros 5 exames, conforme ao recollido na Resolución do 16 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada (DOG 02/03/2021).

Pódese obter máis información no espazo web de formación da Dirección Xeral de Mobilidade: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Formacion