Listado de novas
Noticia
12 set 2022
Segundo o publicado por EuropaPress o pasado 23 de agosto, o Goberno de España inicia o plan de implantación de peaxes nas autoestradas a partir de 2024 coa contratación de varios estudos a Ineco e KPMG para avaliar o sistema de pago (viñetas, peaxes...) e o ámbito (estradas estatais, autovías autonómicas, calquera estrada...). Este martes, 24 de agosto, o Presidente da Fegatramer, entrevistado en Onda Cero Galicia, reflexionou sobre a implantación das peaxes nas autoestradas, sinalando que é un castigo para os cidadáns e, especialmente, para os transportistas. A Federación Galega de Transporte de Mercadorías espera que haxa unha consideración diferente entre o transporte de mercadorías e os desprazamentos persoais pola importancia que ten para a economía. Dado o carácter xeograficamente periférico de Galicia para o transporte por estrada, a implantación das peaxes fai que os produtos galegos que se exportan ao resto de España e Europa, así como os produtos que compran as empresas e os cidadáns galegos, sexan máis caros.
Noticia
12 set 2022
A normativa estatal e europea permite os seguintes tempos de condución: • 9 horas ao día (e 2 veces por semana ata 10 horas ao día). • 56 horas á semana, pero cun máximo de 90 horas en 2 semanas. • De forma puntual, poderase engadir unha hora máis para chegar á casa ou á empresa si se vai comezar un descanso semanal. Estes tempos de traballo inclúen todas as actividades do transporte por estrada: condución, carga e descarga de mercadorías, axuda a pasaxeiros, limpeza e mantemento técnico, trámites administrativos. Non obstante, tamén están establecidos uns tempos de descanso que é necesario respectar: • 45 minutos cada 4,5 horas (que se poden repartir en descansos de 15 e 30 minutos). • 11 horas de descanso cada 24 horas de servizo (alternativamente poden ser 12 horas repartidas en descansos de 9 e 3 horas), podéndose reducir en algúns casos a 9 horas. • 45 horas de descanso continuo despois de 6 días de condución e ao menos 24 horas en semanas alternas (si se compensa de determinada forma).
Noticia
25 ago 2022
A principios de xullo, a Xunta xa concedeu axudas por importe de 2,3 millóns de euros para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos, acadando xa máis do 40% do orzamento total, que ascende a 12,5 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes estará vixente ata o 30 de abril de 2024, excepto o das axudas para infraestruturas de recarga, que rematará o 31 de decembro de 2023. O Goberno galego destina ata o ano 2024 un orzamento de 12,5 M€ a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías. Ademais do achatarramento, subvenciónase a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono ou a implantación de infraestruturas de recarga eléctrica. Trátase de favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículo e incidir na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro. As subvencións vanse outorgando a medida que se van presentando as solicitudes e ata esgotar a dotación orzamentaria. Desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, o 2 de abril de 2022, ata o día 1 de xullo de 2022 recibíronse un total de 498 solicitudes. Dentro das peticións de achatarramento, inclúense máis de 900 vehículos, para os que se prevé levar a cabo esta actuación nos vindeiros meses. O Executivo autonómico ten analizado e contestado máis de 400 consultas nestes primeiros tres meses de aplicación da orde. As persoas interesadas poden acceder a dita orde de axudas no Diario Oficial de Galicia do 1 de abril de 2022. No seguinte enlace pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3tV8vS2 Tamén teñen á súa disposición unha conta de correo electrónico á que dirixir calquera consulta ou aclaración subvencionsfrota.mobilidade@xunta.gal.
Noticia
22 xuñ 2022
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022 O Goberno galego reforzará a Xunta Arbitral de Transportes atendendo ás demandas do sector, co que comparte a reclamación ao Goberno de España de medidas eficaces para facerlle fronte á escalada de prezos dos combustibles. Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras a xuntanza esta mañá da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia. Nese encontro, presidido por Vázquez Mourelle, participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, os representantes das federacións de transportistas por estrada, dos cargadores, dos intermediarios e o Clúster da Función Loxística de Galicia. A reunión serviu para poñer en común o traballo realizado nos últimos meses a través de diferentes encontros sectoriais, que serviron para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística e deseñar medidas que acheguen solucións. Así, no encontro de hoxe, a Xunta e os axentes da cadea loxística plasman nun documento de consenso as medidas estruturais necesarias para facilitar o labor do transporte de mercadorías en Galicia. Ethel Vázquez informou do acordo arredor dunha serie de medidas concretas que inclúen medidas para desenvolver desde o Goberno galego e contribuír ao funcionamento harmónico do transporte de mercadorías e da cadea loxística en Galicia. Trátase, dixo, de medidas que buscan favorecer unha maior información e competitividade, como a posibilidade da obtención do Certificado de Aptitude Profesional (CAP) de xeito telemático, como demandaba o sector. Avanzou, tamén, o reforzo das inspeccións, con especial atención aos principais focos de incumprimento detectados, que son os tempos de descanso, os prazos de pago, as cargas e descargas, ou o uso de gasóleo indebido. E crearase un portal de denuncias anónimas para poñerlle freo á competencia desleal e abusiva. A conselleira destacou especialmente o compromiso adquirido pola Xunta de impulsar a creación de zonas de descanso para transportistas aproveitando instalacións privadas xa existentes, fundamentalmente as áreas de servizo. Os participantes da Mesa do Diálogo constataron que a bonificación dos 20 céntimos que se vén aplicando desde o 1 de abril e que se prevé deter o 1 de setembro resultou insuficiente, pois os prezos dos combustibles en España pasaron a superar a media europea, cando historicamente sempre estiveron por debaixo. Todos os participantes na Mesa do Diálogo coincidiron na necesidade de que o Goberno de España impulse unha serie de cambios normativos que contribúan á mellora da situación da cadea do transporte terrestre e adopte medidas conxunturais imprescindibles para paliar o forte incremento dos prezo dos combustibles. Entre esas medidas, demándase que se tramite ante a Comisión Europea unha excepcionalidade que permita a rebaixa temporal do tipo mínimo do imposto Especial sobre os Hidrocarburos, unha medida cun dobre impacto, porque permitiría tamén unha redución do pago do IVE. Ademais, a Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías de Galicia, informou Ethel Vázquez, comparte a necesidade de impulsar liñas de axuda directas, de xestión sinxela, como incentivos fiscais que minoren o impacto da suba de prezos dos combustibles na economía das empresas. Finalmente, os integrantes da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías apostaron pola elaboración dun Código de Boas Prácticas nas relacións entre cargadores e transporte final que procure melloras organizativas e permita unha mellor planificación e a redución das esperas para o condutor.
Noticia
22 xuñ 2022
Santiago de Compostela, 22 xuño de 2022 O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe as axudas que ten activas o Goberno galego, de 3,5 M€, para paliar o impacto da suba do carburante no transporte interurbano de viaxeiros e urxiu ao Goberno de España a adoptar medidas inmediatas no sector do transporte de mercadorías, de competencia directa estatal. En resposta a unha pregunta no marco da Comisión 2ª do Parlamento galego, o director xeral de Mobilidade explicou que, para frear o impacto do encarecemento excepcional dos combustibles, a Xunta aprobou no mes de marzo unha liña de axudas directamente vinculadas ao prezo do gasóleo dotada con 3,5 millóns de euros. Trátase de incentivos cos que o Goberno galego garante o equilibrio das concesións de transporte público interurbano de viaxeiros, de competencia autonómica, asegurando a prestación dun servizo esencial á cidadanía e o emprego no sector. Ignacio Maestro explicou que, a través destas axudas, a Xunta achegou xa case 500.000 euros de liquidez ás empresas para aliviar o déficit xerado polo aumento do gasto en combustible desde o mes de xaneiro ata a abril. Concretou que estes incentivos chegan a supoñer unha inxección de liquidez de ata 8.000, 10.000 ou 28.000 euros mensuais, segundo os quilómetros percorridos por cada concesión. Avanzou, ademais, que nos próximos días a Xunta liquidará a axuda correspondente ao mes de maio, por importe de 200.000 euros. Ignacio Maestro puxo en valor todo o traballo realizado polo Goberno galego para compensar a caída drástica da demanda e dos ingresos no transporte interurbano de viaxeiros: durante o ano 2020 adiantando ás empresas concesionarias os cartos do fondo covid-19 estatal, que o Goberno de España non repartiu ás comunidades ata o mes de novembro; ao longo do ano 2021, con máis de 12 M€ de fondos propios, en compensación pola caída dos ingresos; e neste 2022 coas axudas de 3,5 M€ habilitadas para frear o impacto do encarecemento dos carburantes no sector do transporte interurbano de viaxeiros. O director xeral de Mobilidade subliñou a determinación da Xunta para activar mecanismos ante a escalada do prezo dos carburantes no ámbito das súas responsabilidades directas, no transporte interurbano de viaxeiros por estrada; e tamén poñendo solucións enriba da mesa no sector do transporte de mercadorías, de competencia directa do Goberno central. A este respecto urxiu ao Goberno central que aplique xa as rebaixas fiscais comprometidas ao sector de mercadorías para evitar que os transportistas inicien un novo paro que aboque a un colapso na actividade e que suporía graves consecuencias nos sectores produtivos. Pediu que “por unha vez, o Goberno demostre iniciativa na busca de solucións a medio e longo prazo”, a través da baixada de impostos e negociando coa Comisión Europea a suspensión excepcional e temporal dos tipos mínimos do imposto especial dos hidrocarburos, para poder limitar dunha forma importante o seu impacto no prezo dos combustibles. En contraposición, salientou a actitude proactiva da Xunta na busca de solucións e adiantou que, esta mesma mañá, se celebrará unha nova xuntanza co sector do transporte e da loxística para consensuar as actuacións prioritarias que faciliten o funcionamento harmónico e permanente da cadea loxística en Galicia.
Noticia
22 xuñ 2022
Valencia, 22 de xuño de 2022 O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu ao XXI Foro das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que se celebra en Valencia, onde salientou a importancia do sector loxístico de Galicia para impulsar un sistema competitivo que facilite a acción exterior das empresas galegas. “A loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, salientou Guldrís, quen destacou que a marca Galicia Logistics potencia o papel da Comunidade na loxística internacional, reivindicándoa como un “enclave estratéxico” no tráfico de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico. Neste contexto, o director do Igape reivindicou o papel que está a xogar o sector na boa marcha das exportacións galegas. “Sen un bo servizo loxístico, non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións”, afondou Guldrís. Unhas cifras que se están a mellorar durante este 2022 no que os datos do primeiro cuadrimestre, no que as vendas ao exterior se refire, acadaron os 9.095 millóns de euros, cun incremento do 23,5% respecto ao mesmo período do anterior exercicio. O Foro ADR, que se vén celebrando desde hai dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ao tecido empresarial. Nesta ocasión, as sesións de traballo centráronse en campos como a innovación e o desenvolvemento sostible, a dixitalización, a especialización intelixente ou as novas escolas de emprendemento. Así, o Foro incluíu obradoiros específicos sobre ditas temáticas, ademais de sesións plenarias sobre a economía do coñecemento, a propia loxística, ou o papel das ADR ante os retos da industria europea.
Noticia
16 mai 2022
A Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está realizando un estudo para coñecer as necesidades do sector do transporte en Galicia respecto das áreas de descanso e servizo. Entre os días 9 e 24 de maio un equipo de enquisadores recorrerán diferentes zonas e áreas de descanso para recoller a opinión dos profesionais do sector do transporte. Tamén poden participar cumprimentando un cuestionario web accesible desde a imaxe QR axunta. Neste cuestionario poden valorar aspectos como a seguridade, a limpeza, os aseos e duchas, o aparcadoiro, a cafetería, máquinas expendedoras e comida, e o aloxamento; así como engadir calquera observación que se considere oportuna. A participación dos profesionais nesta enquisa permitirá coñecer, de primeira man, as necesidades e dificultades reais do sector sobre as áreas de descanso e servizo.
Noticia
10 mai 2022
A Xunta subliña que as peaxes da AP-9 foron as que máis subiron este ano en España e pide que se destine á AP-53 o diñeiro que non está a aproveitar das bonificacións previstas para a Autopista do Atlántico. A autoestrada que une Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo (AP-53) é a máis cara de Galicia, alcanzando unha media de 7,77 céntimos por quilómetro. O Goberno galego trasladou ao Ministerio de Transportes un estudo do custo de aplicar os mesmos descontos da AP-9, o que suporía algo máis de 3,2M€, unha achega asequible ao aproveitar as partidas non executadas da bonificación da AP-9. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou na Comisión 2ª do Parlamento que o Goberno de España deixou sen gastar 38 M€ dos 55 M€ de investimento previstos para as bonificacións da AP-9 nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021. Segundo informou, a AP-9, tras a bonificación das peaxes, rexistra un custo medio por quilómetro de 6,12 céntimos, fronte ás autoestradas autonómicas, con 5,67 céntimos.
Noticia
10 mai 2022
A Xunta subliñou hoxe o papel cada vez máis destacado da muller no transporte, un sector que se ten demostrado esencial e imprescindible para o funcionamento de todos os sectores produtivos e para a recuperación económica, así como para o equilibrio da sociedade. As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron esta tarde no acto de presentación do proxecto ‘As mulleres no sector do transporte de mercadorías por estrada’. Durante o acto, Ethel Vázquez puxo de relevo o diálogo permanente e fluído que mantén a Xunta co sector do transporte de mercadorías por estrada, como quedou acreditado co paro da actividade do pasado mes de marzo, e tamén con iniciativas como a mesa xeral de diálogo impulsada pola Xunta con transportistas, distribuidores e cargadores en aras de facilitar un funcionamento máis harmónico e transparente de todos os eslavóns que conforman a cadea loxística en Galicia. Pola súa banda, Lorenzana puxo en valor as políticas, accións e iniciativas desenvolvidas en Galicia para eliminar estereotipos de xénero no sector e avogou por unha “participación igualitaria” das mulleres no transporte de mercancías por estrada, como unha “necesidade social e económica” xa que, dixo, “é vital para garantir a sustentabilidade do transporte e a loxística, un eixo vertebrador da actividade económica do país”. O Goberno galego está a traballar man a man co sector, por exemplo, co Plan Emprega Muller que, con 35,8 millóns de euros para 2022, artella programas de apoio integral para a formación, o acceso, a permanencia, a consolidación e o liderado das mulleres galegas. “Somos conscientes de que unha das vosas principais demandas pasa pola conciliación da vida laboral, persoal e familiar”, trasladou ás persoas asistentes María Jesús Lorenzana, quen afirmou que a Xunta de Galicia destinará este ano, soamente a través do departamento de Emprego e Igualdade, máis de 16 millóns de euros a promovela e incentivala. APETAMCOR é desde hai anos, ademais, entidade colaboradora co programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, o que amosa o seu compromiso e implicación no apoio ao colectivo feminino máis vulnerable, destacou. A xornada, organizada por APETAMCOR, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, contou coa participación da súa fundadora e secretaria xeral, Miriam Otero, da profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Freire Esparís, e da profesora emérita de Historia Económica da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, encargadas de presentar o proxecto e as súas conclusións. Durante a xornada tamén se celebrou unha mesa de debate sobre o papel da muller no sector do transporte, coa participación de distintas representantes do sector, entre elas, Silvia Chaves Freire, xerente de Chaves, S.L; Lucía Castiñeira Recarey, xerente de Transportes Trillo; e Noemi López Sande, empresaria do sector do transporte.