Nova
Noticia
O Goberno galego reforzará a xunta arbitral de transportes
22 xuñ 2022
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

O Goberno galego reforzará a Xunta Arbitral de Transportes atendendo ás demandas do sector, co que comparte a reclamación ao Goberno de España de medidas eficaces para facerlle fronte á escalada de prezos dos combustibles.

Así o anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, tras a xuntanza esta mañá da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia. Nese encontro, presidido por Vázquez Mourelle, participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, os representantes das federacións de transportistas por estrada, dos cargadores, dos intermediarios e o Clúster da Función Loxística de Galicia.

A reunión serviu para poñer en común o traballo realizado nos últimos meses a través de diferentes encontros sectoriais, que serviron para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística e deseñar medidas que acheguen solucións. Así, no encontro de hoxe, a Xunta e os axentes da cadea loxística plasman nun documento de consenso as medidas estruturais necesarias para facilitar o labor do transporte de mercadorías en Galicia.

Ethel Vázquez informou do acordo arredor dunha serie de medidas concretas que inclúen medidas para desenvolver desde o Goberno galego e contribuír ao funcionamento harmónico do transporte de mercadorías e da cadea loxística en Galicia. Trátase, dixo, de medidas que buscan favorecer unha maior información e competitividade, como a posibilidade da obtención do Certificado de Aptitude Profesional (CAP) de xeito telemático, como demandaba o sector. Avanzou, tamén, o reforzo das inspeccións, con especial atención aos principais focos de incumprimento detectados, que son os tempos de descanso, os prazos de pago, as cargas e descargas, ou o uso de gasóleo indebido. E crearase un portal de denuncias anónimas para poñerlle freo á competencia desleal e abusiva. A conselleira destacou especialmente o compromiso adquirido pola Xunta de impulsar a creación de zonas de descanso para transportistas aproveitando instalacións privadas xa existentes, fundamentalmente as áreas de servizo.

Os participantes da Mesa do Diálogo constataron que a bonificación dos 20 céntimos que se vén aplicando desde o 1 de abril e que se prevé deter o 1 de setembro resultou insuficiente, pois os prezos dos combustibles en España pasaron a superar a media europea, cando historicamente sempre estiveron por debaixo.

Todos os participantes na Mesa do Diálogo coincidiron na necesidade de que o Goberno de España impulse unha serie de cambios normativos que contribúan á mellora da situación da cadea do transporte terrestre e adopte medidas conxunturais imprescindibles para paliar o forte incremento dos prezo dos combustibles. Entre esas medidas, demándase que se tramite ante a Comisión Europea unha excepcionalidade que permita a rebaixa temporal do tipo mínimo do imposto Especial sobre os Hidrocarburos, unha medida cun dobre impacto, porque permitiría tamén unha redución do pago do IVE.

Ademais, a Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías de Galicia, informou Ethel Vázquez, comparte a necesidade de impulsar liñas de axuda directas, de xestión sinxela, como incentivos fiscais que minoren o impacto da suba de prezos dos combustibles na economía das empresas.

Finalmente, os integrantes da Mesa do Diálogo do Transporte de Mercadorías apostaron pola elaboración dun Código de Boas Prácticas nas relacións entre cargadores e transporte final que procure melloras organizativas e permita unha mellor planificación e a redución das esperas para o condutor.