Listado de novas
Noticia
28 xan 2022
En 2021 rexistráronse en Galicia un total de 2.213 accidentes de tráfico, con 78 falecidos e 307 feridos graves, o que supón un aumento con respecto ás cifras de 2020 pero aínda son inferiores ás de 2019. Case a metade dos falecidos producíronse nunha saída de vía dun turismo (36 falecidos) e un terzo dos condutores e pasaxeiros non levaba posto o cinto de seguridade. A provincia da Coruña é a que rexistrou máis accidentes mortais (34 falecidos), sendo a terceira provincia de España en número de falecidos, só por detrás de Madrid (58) e Barcelona (51). En Galicia, só 3 falecidos viaxaban en camión e 2 en furgoneta. En España, o balance do Ministerio do Interior reflicte que, en 2021, reduciuse a sinistralidade vial de camións e furgonetas nun 9% entre 2019 e 2021, pero aínda se rexistraron un total de 107 persoas falecidas, un 10,66% do total.
Noticia
28 xan 2022
A adhesión de Alemaña ao protocolo e-CMR é importante xa que é o país de tránsito máis importante da Unión Europea. O protocolo e-CMR implica a dixitalización do sector, incrementando a transparencia e a seguridade en toda a cadea loxística, e supoñendo a eliminación de trámites nas operacións de transporte internacional, a eliminación de atrasos administrativos e de facturación e a redución das discrepancias na documentación do transporte de mercadorías. Desde a entrada en vigor en 2011, o protocolo e-CMR foi ratificado por 31 países.
Noticia
28 xan 2022
Os transportistas inscritos no Censo de beneficiarios de gasóleo profesional teñen a obriga de presentar a declaración de quilómetros anuais percorridos en 2021, polos vehículos censados. Esta declaración deberá realizarse ante a Axencia Tributaria antes do 31 de marzo, que efectuará trimestralmente a devolución das cantidades correspondentes. Os posibles beneficiarios son os posuidores de camións de máis de 7,5 toneladas de MMA, autobuses e taxis, que realizan o seu consumo mediante tarxetas de combustible para gasóleo profesional. A cantidade a devolver en 2022 segue sendo de 4,9 céntimos de euro por litro. En Galicia, o gasóleo pechou o ano nun prezo medio en decembro de 1,126 euros sen IVE, resultando un prezo final de 1,36 euros/litro.
Noticia
28 xan 2022
Xa está dispoñible a edición actualizada a 27 de decembro de 2021 do Código de Transporte de Mercadorías por Estrada. Este documento é unha selección e ordenación de la principal normativa aplicable ao sector do transporte de mercadorías por estrada, realizada por Juan Luis Fernández-Prieto González, publicada no Boletín Oficial do Estado e dispoñible de forma gratuíta.
Noticia
28 xan 2022
O pasado 21 de decembro de 2021 publicouse no Boletín Oficial do Estado a Lei 18/2021, de 20 de decembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de vehículos a motor e Seguridade viaria. A nova normativa aumenta os puntos a detraer por levar o móbil na man e por non facer uso do cinto de seguridade, e inclúe a realización de cursos de condución segura e eficiente certificados pola DXT para recuperar 2 puntos do permiso de conducir. Coa nova normativa detraeranse 6 puntos por: - Suxeitar o teléfono coa man mentres se conduce. - Adiantar poñendo en perigo ou entorpecendo a ciclistas sen deixar a separación mínima de 1,5 metros. - Tirar obxectos á estrada ou ás súas inmediacións que poidan causar accidentes ou incendios (por exemplo, cabichas). Tamén se retirarán 4 puntos por empregar incorrectamente, ou non usar, o cinto de seguridade, e 3 puntos por levar detectores de radares instalados nos vehículos. A nova normativa suprime o marxe de 20 km/h sobre a velocidade da vía para facer un adiantamento en estradas convencionais e unifica nun prazo de 2 anos o tempo que debe transcorrer sen cometer infraccións graves para poder recuperar o saldo inicial de 12 puntos, sempre que non se perdese todo o crédito. En 2022 prevese a regulación para que as empresas de transporte de mercadorías e de persoas poidan acceder de maneira telemática ao rexistro de condutores da Xefatura Central de Tráfico en relación coa habilitación para conducir dos seus condutores profesionais.
Noticia
29 dec 2021
A Xunta de Galicia incrementa nun 25% o investimento das axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, ás que se destinará un orzamento de 500.000 euros. O obxectivo destas axudas é mellorar as capacidades dos profesionais do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP). Tamén se promociona a realización de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas. As entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada poderán presentar as solicitudes, xunto co plan formativo correspondente, ata o vindeiro 30 de xaneiro de 2022, conforme á orde de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia de 29 de decembro de 2021. As entidades solicitantes deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2022. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con estes incentivos, xa posibilitou no 2020 e no 2021 a realización de 265 cursos, nos que participaron un total de 3.472 alumnos. As persoas e entidades interesadas poden ampliar información nesta dirección: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transporte-de-viaxeiros
Noticia
22 dec 2021
O pasado 1 de decembro de 2021 publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (https://boppo.depo.gal) o acordo da Comisión negociadora polo que se aproba o texto do convenio colectivo para o persoal das empresas do sector do transporte público de mercadorías por estrada con domicilio na provincia de Pontevedra. Neste acordo participaron as organizacións empresariais ASETRANSPO e OPERADORES LOGÍSTICOS e as centrais sindicais CCOO e UGT. O novo Convenio afecta a todas as empresas dedicadas ás actividades de transporte regular e discrecional de mercadorías, operadores de transporte e ás actividades auxiliares e complementarias do transporte de mercadorías, así como as actividades de mensaxería e entrega domiciliaria, paquetería e loxística. Este acordo ten efectos económicos que se retrotraerán ao día 1 de maio de 2020 e ten vixencia ata o 31 de decembro de 2022.
Noticia
14 dec 2021
A Xunta celebra unha nova xornada cos axentes sociais sobre o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que ten como obxectivo reducir nun 25% o número de vítimas mortais e de feridos graves nas estradas. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto cos técnicos da mesma, afondou no borrador deste Plan pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”. O encontro cos axentes sociais celebrado esta mañá centrouse na aclaración de dúbidas de cara a facilitar a formulación de achegas ao Plan por parte das entidades sociais, no marco do procedemento de participación para a elaboración do documento definitivo. O plan está actualmente en fase de consulta pública e os interesados poderán trasladar as súas achegas ata o 22 de decembro. A nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación, entre outros; tomando como referencia países como Suecia, Holanda ou Alemaña. A Xunta tamén repartiu, ademais, 33.000 prendas reflectantes para peóns e ciclistas nos últimos anos e impulsou a campaña de sensibilización dirixida aos nenos de educación primaria baixo o lema “O Corazón está do teu lado”, entre outras actuacións.
Noticia
07 dec 2021
O pasado mes de outubro realizouse, a nivel europeo, a campaña especial de vixilancia “Operation Truck&Bus”, levada a cabo en España a través da Agrupación de Tráfico da Guardia Civil. No marco desta operación denunciáronse 2.545 condutores de camións e 48 condutores de autobuses, inmobilizándose un total de 31 camións. A metade das infraccións a condutores estiveron motivadas por exceso de horas de condución, pero rexistráronse tamén infraccións relacionadas co tacógrafo, exceso de peso, velocidade superior á permitida, á inspección técnica do vehículos e outras irregularidades administrativas. Nesta campaña tamén se detectaron 6 positivos en alcohol e 13 positivos en drogas.