Nova
Noticia
Modificación da lei reguladora do tráfico viario
28 xan 2022
O pasado 21 de decembro de 2021 publicouse no Boletín Oficial do Estado a Lei 18/2021, de 20 de decembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de vehículos a motor e Seguridade viaria.

A nova normativa aumenta os puntos a detraer por levar o móbil na man e por non facer uso do cinto de seguridade, e inclúe a realización de cursos de condución segura e eficiente certificados pola DXT para recuperar 2 puntos do permiso de conducir.

Coa nova normativa detraeranse 6 puntos por:
- Suxeitar o teléfono coa man mentres se conduce.
- Adiantar poñendo en perigo ou entorpecendo a ciclistas sen deixar a separación mínima de 1,5 metros.
- Tirar obxectos á estrada ou ás súas inmediacións que poidan causar accidentes ou incendios (por exemplo, cabichas).

Tamén se retirarán 4 puntos por empregar incorrectamente, ou non usar, o cinto de seguridade, e 3 puntos por levar detectores de radares instalados nos vehículos.

A nova normativa suprime o marxe de 20 km/h sobre a velocidade da vía para facer un adiantamento en estradas convencionais e unifica nun prazo de 2 anos o tempo que debe transcorrer sen cometer infraccións graves para poder recuperar o saldo inicial de 12 puntos, sempre que non se perdese todo o crédito.

En 2022 prevese a regulación para que as empresas de transporte de mercadorías e de persoas poidan acceder de maneira telemática ao rexistro de condutores da Xefatura Central de Tráfico en relación coa habilitación para conducir dos seus condutores profesionais.