Nova
Noticia
Nova xornada sobre o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025
14 dec 2021
A Xunta celebra unha nova xornada cos axentes sociais sobre o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2022-2025, que ten como obxectivo reducir nun 25% o número de vítimas mortais e de feridos graves nas estradas.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto cos técnicos da mesma, afondou no borrador deste Plan pioneiro en España ao incorporar a “visión cero vítimas nas estradas”.

O encontro cos axentes sociais celebrado esta mañá centrouse na aclaración de dúbidas de cara a facilitar a formulación de achegas ao Plan por parte das entidades sociais, no marco do procedemento de participación para a elaboración do documento definitivo. O plan está actualmente en fase de consulta pública e os interesados poderán trasladar as súas achegas ata o 22 de decembro.

A nova planificación incidirá en accións específicas para usuarios como os peóns, os ciclistas, os maiores, os nenos, os peregrinos, transportistas, repartidores ou empregados de conservación, entre outros; tomando como referencia países como Suecia, Holanda ou Alemaña.

A Xunta tamén repartiu, ademais, 33.000 prendas reflectantes para peóns e ciclistas nos últimos anos e impulsou a campaña de sensibilización dirixida aos nenos de educación primaria baixo o lema “O Corazón está do teu lado”, entre outras actuacións.