Listado de novas
Noticia
10 mai 2022
Segundo os datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en 2021 transportáronse en España un total de 1.626 millóns de toneladas de mercadorías, coa seguinte distribución por clases: - 34,3% son minerais e materiais de construción. - 20,6% son máquinas, vehículos e obxectos manufacturados. - 18,5% son produtos alimenticios e forraxes. - 11,2% son produtos agrícolas e animais vivos. - 15,6% son outras mercadorías. Non obstante, se se consideran as toneladas-quilómetro, a clase con maior peso son as máquinas, vehículos e obxectos manufacturados (31,6%), seguida dos produtos alimenticios e forraxes (23,1%) e dos produtos agrícolas e animais vivos (17,2%). Os datos do Ministerio sitúan o volume de mercadorías con orixe ou destino en Galicia en 110 millóns de toneladas, das cales 75 millóns (68,4%) corresponden a movementos intrarrexionais, 29 millóns (26,7%) a transporte interrexional e 5,4 millóns (4,9%) ao transporte internacional. Respecto a 2020, o volume de mercadorías, con orixe ou destino en Galicia, transportada a nivel interrexional aumentou un 12,9% e o transportado internacionalmente medrou un 5,3%, mentres que as mercadorías movidas dentro das CC.AA. diminuíron lixeiramente un 3,7%.
Noticia
10 mai 2022
No BOE do pasado 6 de abril publicouse o Real Decreto 242/2022, de 5 de abril, polo que se modifica o Regulamento da Lei de Ordenación dos transportes terrestes. Este real decreto modifica os seguintes aspectos: • Os vehículos eléctricos e doutros combustibles alternativos de ata 2,5 toneladas quedan exentos de solicitar autorización de transporte. • A ampliación ou modificación da flota de vehículos non limita a idade máxima do vehículo. • Penalízase 1/3 por resposta errónea nos exercicios do exame de Competencia Profesional para evitar desviacións por factores de azar. • A composición dos tribunais dos exames CAP. https://www.boe.es/eli/es/rd/2022/04/05/242
Noticia
10 mai 2022
O Decreto-Lei 3/2022 de medidas para o transporte de mercadorías inclúe a revisión automática obrigatoria dos prezos percibidos polos transportistas en función da variación do gasóleo. Establécese como obrigatoria a revisión do prezo do transporte como consecuencia da variación do prezo do combustible entre o momento da contratación e a realización efectiva do transporte, para evitar que a variación a curto prazo dunha partida esencial na estrutura de custos das empresas transportistas pode ser obxecto de negociacións que non sempre son compensadas. O Decreto-Lei establece unha única fórmula de revisión que debe aplicarse a todos os contratos, aínda que o transportista e o seu cliente non teñan acordado ningunha fórmula de revisión. A previsión de revisión asóciase a unha variación igual ou superior ao 5 %, salvo pacto que acorde previamente un limiar inferior. Nos contratos de transporte continuo prevese a aplicación da revisión de prezos con carácter trimestral; non obstante, o prazo máximo para a adaptación destes contratos ao citado real decreto-lei é de seis meses. O Observatorio de custos do transporte de mercadorías por estrada de Galicia (OTRAME) é unha ferramenta que permite simular o custo asociado a diferentes mercadorías segundo o tipo de servizo e actualiza, polo menos mensualmente, o prezo do combustible con datos oficiais (no apartado de custos variables).
Noticia
10 mai 2022
A Comisión Europea adoptou o pasado 7 de abril (á espera de publicación no DOUE) o regulamento que establece o nivel mínimo de servizo que deben ofrecer as zonas de estacionamento seguro aos condutores profesionais, coa finalidade de avanzar na mellora dos déficits existentes nesta materia. As zonas de aparcamento seguras e protexidas son fundamentais para mellorar as condicións de traballo dos condutores, xa que permiten gozar dun descanso seguro, protexido e de calidade, ao tempo que facilitan o acceso a un nivel mínimo de servizo. O nivel mínimo de servizo esixe contar, entre outros, cos seguintes: - Instalacións sanitarias adaptadas a ambos os sexos, con aseos e duchas con auga quente, limpas regularmente. - Opcións de compra e consumo de alimentos e bebidas, as 24 horas do día e os 7 días da semana, con zona de comedor para condutores. - Conexión a internet gratuíta. - Enchufes eléctricos de uso persoal. As zonas de aparcamento seguras e protexidas certificadas segundo a normativa da Unión Europea deberán cumprir criterios adicionais relativos, entre outras cuestións, á identificación, tipoloxía e iluminación do perímetro da zona de aparcamento, dispoñibilidade e características do plan de seguridade, gravación dixital e vídeo. vixilancia, control de entrada e saída, formación do persoal... Segundo as características e a súa xestión, pódense certificar zonas de aparcamento seguras e protexidas con catro niveis (Bronce, Prata, Ouro e Platino).
Noticia
18 abr 2022
O pasado 13 de abril de 2022 publicouse no DOG a Resolución pola que se convocan, para o ano 2022, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B). No ano 2022, as persoas interesadas dispoñerán de ata dous chamamentos para a realización do correspondente exame, no segundo e terceiro cuadrimestres do ano, respectivamente, sempre que a propia evolución da situación sanitaria derivada da COVID-19 o permita. Os exercicios terán lugar nos períodos abranguidos entre: – Primeiro período: entre o 18 de maio e o 31 de xullo de 2022, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución, e o 2 de maio de 2022. – Segundo período: entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2022, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 3 de maio e o 1 de setembro de 2022. Trátase da primeira convocatoria desta modalidade de probas logo da entrada en vigor da modificación do formato de realización deste exame que estableceu o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Deste xeito, os exames constarán de dúas probas, unha teórica e outra práctica, de dúas horas de duración cada unha, e que se realizarán de xeito continuado, unha seguida da outra. Ademais, as probas efectuaranse en ordenador, contestando un cuestionario que será individualizado para cada aspirante. Cómpre lembrar que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, esixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: http://xurl.es/5rros
Noticia
31 mar 2022
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022 A Xunta e os actores da cadea loxística de Galicia consensuarán as achegas desde Galicia á Lei que prepara o Goberno de España para aplicar ao sector de transporte de mercadorías por estrada os principios da Lei da cadea alimentaria. O obxectivo desta iniciativa é achegar propostas construtivas e adiantarse para que nesa lei se tomen en consideración as características diferenciais de Galicia, tendo en conta que o sector, aquí, está moi atomizado. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron esta mañá un primeiro encontro con representantes do sector do transporte e do Clúster da función loxística de Galicia, onde están representados os distintos actores da cadea loxística, encontro no que se adoptou esta primeira decisión. A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou á atomización do sector do transporte en Galicia, unha realidade que define a súa estrutura e funcionamento. Explicou que o 80% das empresas de transporte terrestre de mercadorías non teñen máis de 2 empregados, ademais de presentar realidades moi variadas: desde empresas de autónomos que traballan con contratos de longa duración a empresas de autónomos que traballan fundamentalmente en transporte puntual. A Xunta, os transportistas, distribuidores e cargadores tamén acordaron impulsar unha mesa xeral de diálogo para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística en Galicia. A partir desta mesa xeral, avanzarase logo no traballo a través da constitución de diferentes mesas onde se abordarán os distintos asuntos que se consideren prioritarios. Os actores implicados danse o prazo dun ano para a elaboración do Libro de boas prácticas do transporte, que aglutinará as principais conclusións e reflexións extraídas das mesas que traballo que se constitúan, orientado a favorecer un mellor funcionamento de toda a cadea loxística galega. Tamén se proporán iniciativas lexislativas e non lexislativas para ser trasladadas ao Goberno de España, como administración con competencia na materia. Vázquez Mourelle destacou o papel mediador da Xunta, atendendo á demanda que os transportistas trasladaron ao Goberno galego nos encontros mantidos nas últimas semanas para mellorar a súa situación actual. Lembrou a complicada situación vivida nas últimas semanas polo paro do sector do transporte de mercadorías por estrada, un sector, dixo, que se ten demostrado que é esencial e imprescindible. Nestes días, explicou, ademais de representantes do sector do transporte que pediron a constitución destas mesas de diálogo permanente, tamén moitos actores da cadea loxística de Galicia se puxeron en contacto coa Xunta solicitando mediación para tratar de impulsar corredores seguros para permitir o transporte de produtos esenciais, como material sanitario ou alimento para as granxas de animais, entre outros. Ethel Váquez incidiu en que, pese os avances dos últimos días, os problemas de fondo o sector do transporte de mercadorías non están solucionados, e por iso trasladou a vontade e o traballo da Xunta para mediar e servir de enlace entre os distintos elos da cadea loxística de Galicia, e para dar traslado ao Goberno central, competente na materia, das decisións e acordos que se vaian adoptando. https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/67494/xunta-actores-cadea-loxistica-consensuaran-achegas-lei-que-prepara-goberno-espana?langId=gl_ES
Noticia
28 mar 2022
A Xunta impulsará mesas de diálogo permanente entre transportistas e cargadores para facilitar o funcionamento harmónico e transparente da cadea loxística en Galicia. Ethel Vázquez adianta o reforzo da Xunta arbitral de transportes e as mesas de diálogo para o seguimento das relacións entre cargadores, distribuidores e transportistas, iniciativa que debera estenderse tamén ao resto de España. Explicou que pese aos avances dos últimos días, os problemas de fondo no sector do transporte non están solucionados, polo que trasladou a vontade da Xunta de desempeñar un papel de mediación activa que facilite a actividade do colectivo. Neste sentido, remarcou que o Goberno galego vai axilizar e reforzar a Xunta arbitral de transportes para resolver de forma rápida os conflitos puntuais. Ademais, adiantou o impulso desas mesas de diálogo permanente e transparente para o seguimento das relacións entre cargadores, distribuidores e transportistas co fin de facilitar o funcionamento harmónico e transparente da loxística en Galicia. Unha iniciativa, dixo, que debería facerse extensiva ao resto de España. Tratase, remarcou, de medidas demandadas polos transportistas para mellorar a situación actual. O Goberno galego traballou estas semanas no consenso de medidas para mitigar no posible os danos, en moitos casos irreparables, do paro do transporte. Dese xeito, grazas á vontade de colaboración de moitos empresarios, acadáronse unhas garantías mínimas para o sector primario, o material sanitario e os servizos esenciais. https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/67406/xunta-impulsara-mesas-dialogo-permanente-entre-transportistas-cargadores-para
Noticia
22 mar 2022
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro do Medio Rural, José González, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron o 18 de marzo unha xuntanza con representantes da asociación de transportistas por estrada Apetamcor, que secunda o paro en Galicia e ten 1.300 asociados, para abordar a situación. A Xunta e Apetamcor demandan ao Goberno de España que declare corredores seguros de transporte para servizos esenciais e sente a dialogar coa plataforma que promove o paro. Os representantes do Goberno galego manifestaron a súa preocupación polo actual escenario de colapso, ao supor graves consecuencias na cadea de subministración de produtos básicos para a poboación, entre eles produtos sanitarios. Tamén trasladaron a súa inquedanza ante esta situación que está a poñer en xaque a practicamente todo o sector primario: a gandería e a pesca, estragándose cada día toneladas de peixe e impedindo a distribución e elaboración de produtos cárnicos; e remarcaron que este paro está a pór en risco o benestar animal, ao impedir a chegada de alimento ás explotacións, así como a saída do leite das granxas. https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/67126/xunta-apetamcor-demandan-gobierno-espana-que-declare-corredores-seguros-transporte?langId=gl_ES
Noticia
22 mar 2022
A partir do 21 de maio, as empresas que realicen transporte internacional dentro da Unión Europea con vehículos de entre 2,5 e 3,5 toneladas terán a obriga de dispor da licenza comunitaria e as correspondentes copias. Actualmente estas empresas contan con autorizacións habilitantes para realizar transporte público de mercadorías exclusivamente en vehículos que non superen as 3,5 toneladas de masa máxima autorizada, identificados no rexistro co código MDLE. Con carácter xeral, para acceder á Licenza Comunitaria, a empresa solicitante deberá ser titular, polo menos, dunha autorización nacional de transporte público interno referida a un vehículo de máis de 3,5 toneladas de MMA inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte; e que, polo menos unha das persoas que teña a xestión efectiva da empresa, acredite a competencia profesional necesaria para o transporte por estrada. A partir do 21 de maio de 2022 será necesario que os vehículos cunha masa de carga autorizada superior a 2,5 toneladas dispoñan dunha autorización nacional de transporte público interno para poder realizar transporte internacional na Unión Europea. As empresas que xa dispoñan de autorización de transporte MDP poderán solicitar copias dos vehículos lixeiros que realicen transporte internacional (entre 2,5 e 3,5 t). Con carácter temporal e ata o 31 de decembro de 2022, as empresas que xa dispoñan dunha autorización MDL e deban realizar transporte internacional, poderán solicitar a licenza comunitaria e as súas correspondentes copias presentando xunto coa solicitude unha declaración responsable sobre o cumprimento do recollido no Regulamento (CE) 1072/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen normas comúns para o acceso ao mercado internacional do transporte de mercadorías por estrada.