Nova
Noticia
Reunión con Apetamcor
22 mar 2022
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro do Medio Rural, José González, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron o 18 de marzo unha xuntanza con representantes da asociación de transportistas por estrada Apetamcor, que secunda o paro en Galicia e ten 1.300 asociados, para abordar a situación.

A Xunta e Apetamcor demandan ao Goberno de España que declare corredores seguros de transporte para servizos esenciais e sente a dialogar coa plataforma que promove o paro.

Os representantes do Goberno galego manifestaron a súa preocupación polo actual escenario de colapso, ao supor graves consecuencias na cadea de subministración de produtos básicos para a poboación, entre eles produtos sanitarios.

Tamén trasladaron a súa inquedanza ante esta situación que está a poñer en xaque a practicamente todo o sector primario: a gandería e a pesca, estragándose cada día toneladas de peixe e impedindo a distribución e elaboración de produtos cárnicos; e remarcaron que este paro está a pór en risco o benestar animal, ao impedir a chegada de alimento ás explotacións, así como a saída do leite das granxas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/67126/xunta-apetamcor-demandan-gobierno-espana-que-declare-corredores-seguros-transporte?langId=gl_ES