Nova
Noticia
Convocatoria das probas para exercer como xestor de transporte
18 abr 2022
O pasado 13 de abril de 2022 publicouse no DOG a Resolución pola que se convocan, para o ano 2022, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).

No ano 2022, as persoas interesadas dispoñerán de ata dous chamamentos para a realización do correspondente exame, no segundo e terceiro cuadrimestres do ano, respectivamente, sempre que a propia evolución da situación sanitaria derivada da COVID-19 o permita.

Os exercicios terán lugar nos períodos abranguidos entre:

– Primeiro período: entre o 18 de maio e o 31 de xullo de 2022, para aqueles aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día da apertura do prazo para presentar a solicitude, que será a partir do seguinte ao de publicación desta resolución, e o 2 de maio de 2022.

– Segundo período: entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2022, para aquelas persoas aspirantes que soliciten realizar o exame nas datas comprendidas entre o día 3 de maio e o 1 de setembro de 2022.

Trátase da primeira convocatoria desta modalidade de probas logo da entrada en vigor da modificación do formato de realización deste exame que estableceu o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Deste xeito, os exames constarán de dúas probas, unha teórica e outra práctica, de dúas horas de duración cada unha, e que se realizarán de xeito continuado, unha seguida da outra. Ademais, as probas efectuaranse en ordenador, contestando un cuestionario que será individualizado para cada aspirante.

Cómpre lembrar que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, esixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: http://xurl.es/5rros