Listado de novas
Noticia
19 xul 2023
A opción OUT dos tacógrafos serve para activala cando o condutor está a realizar servizos exentos do tacógrafo, actividades que –segundo o regulamento do tacógrafo- non suman condución, pero non se consideran pausas ou descansos. Esta opción utilízase cando se está realizando condución mixta (con actividades exentas e outras non exentas). O uso do vehículo realizaríase coa tarxeta introducida e activando a opción OUT cando se estean realizando servizos exentos e desactivándoa cando se fagan servizos suxeitos ao Regulamento do Tacógrafo. Algúns dos servizos exentos do Tacógrafo: - Vehículos ou conxuntos de vehículos cunha masa máxima autorizada (MMA) non superior a 7,5 toneladas para transporte de materiais, equipos ou maquinaria para uso do condutor no exercicio da súa profesión. - Vehículos cuxa velocidade máxima autorizada non supere o 40 km/h. - Vehículos especializados na reparación de avarías cuxo radio de acción sexa de 100 km. - Vehículos ou conxuntos de vehículos dunha MMA non superior a 7,5 toneladas utilizados para o transporte non comercial de mercadorías. - Recollida e entrega de envíos postais sempre que a MMA incluída a dos remolques e semirremolques, non sexa superior a 7,5 toneladas, o transporte #desenvolver dentro dun radio de 50 km, e a condución non constitúa a actividade principal do condutor. - Transportes para a eliminación de residuos de carácter urbano nun radio de 50 km. - Transportes de mercadorías privado complementario por empresas agrícolas, hortícolas, forestais, gandeiras ou pesqueiras, nun radio de 100 km. - Transporte privado complementario con tractores agrícolas ou forestais no desenvolvemento dunha actividade agrícola ou radio de 100 kms. - Recollida de leite en granxas ou que teñan por obxecto levar a estas,recipientes de leite ou produtos lácteos destinados á alimentación do gando, nun radio de 100 kms. - Transporte de animais vivos entre granxas e mercados locais, entre mercados e matadoiros locais ou entre granxas e matadoiro locais, sempre que a distancia en liña recta entre orixe e destino non sexa superior a 50 km. - Transportes privado complementario de material de circo e atraccións de feira. - Traslado de exposicións móbiles con fins educativos. - Transportes de mercadorías en vehículos de electricidade ou gas natural ou licuado, cuxa MMA, incluída a dos remolques ou semirremolques, non sexa superior a 7,5 toneladas, nun radio de 50 km.
Noticia
14 xul 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se modifica o Regulamento Xeral de Estradas de Galicia, favorecendo a optimización da xestión das vías adaptada á realidade territorial e simplifica a interpretación da normativa. O Consello da Xunta autorizou o pasado día 11 de maio este decreto, que permite adaptar os preceptos do Regulamento Xeral de Estradas de Galicia aos cambios producidos na disposición legal que este desenvolve, que é a Lei 8/2013, de estradas de Galicia. Este decreto supón tamén algúns outros cambios no texto para simplificar e aclarar a interpretación dalgún dos seus preceptos, favorecendo así a súa aplicación práctica por parte da Xunta e das deputacións provinciais. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230531/AnuncioG0533-190523-0003_gl.html Entre as modificacións que recolle o texto, no Título I do regulamento dáselle maior precisión a conceptos como o de travesía, desenvolvendo de xeito máis completo as condicións para a consideración do mantemento da continuidade e coherencia das redes de estradas, aos efectos da adquisición da condición de vías urbanas. No que se refire á titularidade das estradas, aclárase a situación dos treitos de estradas repostos como consecuencia de obras ou flexibilízanse as condicións para as transferencias nas que existan alternativas viarias de titularidade de administracións de menor ámbito territorial. No Título II, relativo á planificación e proxección das estradas, adáptase o contido e a tramitación dos plans de estradas á nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de Ordenación do Territorio de Galicia. Tamén se reducen os prazos para a emisión do informe xurídico sobre a tramitación dos expedientes dos estudos e proxectos, concretando o seu obxecto. No texto recóllense as mencións á figura da declaración responsable, que se introduciu na Lei de Estradas para substituír as autorizacións e simplificar algúns procedementos administrativos. Con este decreto tamén se modifica a regulación para parcelacións e segregacións, de modo que se flexibiliza a posibilidade de autorizalas. Ademais inclúense e desenvólvense as modificacións da Lei de Estradas para flexibilizar as instalacións e usos provisionais, como os andamios en caso de obras ou en edificios, ou as terrazas. 31/05/2023
Noticia
14 xul 2023
A Dirección Xeral de Tráfico publicou as novas fichas de seguimento do ensino da condución de cada unha das categorías de permisos de condución que se poden obter en España. Estes documentos teñen como obxectivo servir de guía no proceso de capacitación para aprender a conducir e superar os exames teóricos e prácticos correspondente a cada categoría. Estas fichas ofrecen unha visión máis detallada, global e de fácil comprensión que lles axuda a coñecer como van evolucionando na súa aprendizaxe como futuros condutores. As novas fichas conteñen, ademais dos aspectos contemplados tradicionalmente na formación viaria, tales como sinalización e manobras, outros máis novos, vinculados á nova mobilidade, como pode ser a condución eficiente, a condución de vehículos con enerxías alternativas, os sistemas de axuda á condución ou a convivencia nas vías con novos medios de transporte vulnerables. A estrutura e contido das fichas seguen o procedemento regrado, de calidade e aliñado coa Estratexia de Seguridade viaria e na que os futuros condutores poderán coñecer os ítems avaliables con información directa e intuitiva sobre en que fase do proceso de aprendizaxe atópanse. As fichas foron elaboradas pola Dirección Xeral de Tráfico en colaboración con outras entidades vinculadas á seguridade viaria, tales como AEOL, Aesleme, Academia do Transportista, Asociación Día, Asociación Nacional de Motoristas, Plataforma Moteira para a Seguridade viaria, Avata, Cnae, Etrasa, Fensta, Formaster, Fesvial, P(A)T, Provial, Stop Accidentes e INTRAS.
Noticia
14 xul 2023
O mércores 24 de maio, o Clúster da función loxística de Galicia, desenvolveu un obradoiro para impulsar a dixitalización do sector do transporte de mercadorías, enmarcado no programa Maio Innovador Neste obradoiro distintos expertos e empresas explicaron o funcionamento de solucións tecnolóxicas para o sector, como o RPA e o ERP, e retos como o cambio de tecnoloxía AGV, facéndose fincapé na necesidade de automatizar os procesos para axilizar e optimizar tempos de xestión. Este obradoiro contou cun espazo para o traballo de grupo a través de dinámicas de análise e propostas que se compartiron con conxunto dos asistentes. Este evento foi presentado e pechado polo xerente do Clúster, Iago Domínguez. O Clúster da función loxística de Galicia está traballando nun sistema intelixente de acceso loxístico que permita dixitalizar os sistemas de control de accesos en empresas industriais e loxísticas. Este sistema aspira a facilitar o acceso compartindo os documentos nun sistema que aglutine a todas as empresas, de tal xeito que un documento só se sube unha vez e logo xa se comparte coa cadea loxística. Trataríase dun sistema compatible cos existentes actualmente. A aplicación contaría cun sistema de lectura de documentos a través de visión artificial, co cal, automaticamente, se lerían distintos campos e se dixitalizarían permitindo a comprobación automática de aspectos como a data de expiración dun permiso de conducir
Noticia
08 xul 2023
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, recolleu o 27 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago o premio ás Boas Prácticas en Contratación Responsable, outorgado pola asociación Amicos ao servizo de xestión telefónica do sistema de transporte público de Galicia, cuxa contratación se reservou a centros especiais de emprego de iniciativa social. Maestro sinalou que este programa, posto en marcha por primeira vez en setembro de 2019, é un exemplo do compromiso da Administración autonómica coa economía social e coa integración laboral do conxunto da sociedade, que permite obter resultados de éxito. Así, salientou, o traballo que desenvolven os responsables dese servizo é esencial para garantir unha mobilidade sostible, accesible e de calidade para todos os galegos, especialmente para aqueles que viven no rural ou que teñen necesidades especiais de desprazamento. Grazas a esta atención telefónica, a Xunta ofrece unha atención personalizada, eficaz e profesional aos usuarios do transporte público. Os datos avalan o éxito destes servizos, que rexistran un alto grao de satisfacción entre os seus beneficiarios, ao tempo que contribúen a xerar emprego estable e de calidade para as persoas con discapacidade. Actualmente, a central rexistra unha media mensual de 1.280 chamadas recibidas, alcanzando un máximo de 1.513 chamadas nun único mes.
Noticia
08 xul 2023
No Boletín Oficial do Estado do 27 de xuño de 2023 publícase a Orde TMA/686/2023, do 22 de xuño, pola que se modifican os Anexos I e III de Real Decreto 983/2021, do 16 de novembro, polo que se regula a concesión directa ás comunidades autónomas de axudas para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do Plan de recuperación, transformación e resilencia. Estes cambios pretenden adaptar a regulación destas subvencións á modificación prevista no Regulamento (UE) número 651/2014 de Exención por categorías, que entrará en vigor unha vez que se publicou no Diario Oficial da Unión Europea. Esta modificación recolle diversos cambios na regulación das axudas a vehículos cero emisións ou vehículos limpos e puntos de recarga eléctrica, que nalgúns casos supoñen límites máis estritos que no regulamento vixente ata esta modificación, que é o que se tomou como base para a redacción do citado Real Decreto. Unha vez que entre en vigor esta modificación do regulamento, os réximes de axuda existentes terán un prazo de 6 meses para adaptarse ás novas disposicións, o que require prever esta situación no réxime de axudas marcado no Real Decreto 983/2021, do 16 de novembro e a aclaración expresa de que se deben de cumprir os límites e requisitos da regulación de axudas de estado que sexan de aplicación no momento da concesión da axuda. Adicionalmente, introdúcense no texto algunhas aclaracións en relación co cumprimento destes requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) n.º 651/2014 e outras cuestións relacionadas coa xestión das axudas.
Noticia
08 xul 2023
O Consello de Ministros do 28 de xuño aproba ampliar ata o 30 de setembro a bonificación actual para o sector e fixa unha rebaixa de 5 céntimos de euros por litro durante o cuarto trimestre de 2023 ante ás consecuencias da guerra en Ucraína. Esta medida responde á demanda do sector transmitida pola Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM) que resalta a necesidade de ter en conta o transporte de mercadorías por estrada como sector vital para o funcionamento das cadeas de subministración e a economía española. A medida articúlase en dúas fases: a primeira contempla a prórroga do desconto de 10 céntimos por litro de combustible consumido ata o 30 de setembro de 2023, e a segunda unha bonificación de 5 céntimos de euros entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2023. Para as frotas movidas por gas prevese unha compensación de 13 céntimos ata setembro e de 7 céntimos de euros durante o último trimestre do ano, dadas as especiais circunstancias ás que se enfronta o prezo do gas nesta etapa. O texto recolle dous mecanismos para calcular e abonar as axudas de 10 e 5 céntimos de euros por litro aos transportistas en función de se teñen dereito ou non á devolución parcial do imposto sobre hidrocarburos.
Noticia
30 xuñ 2023
A Xunta e o Clúster da Función Loxística de Galicia colaborarán para impulsar o Corredor Atlántico Nnoroeste e contribuír a que Galicia sexa un polo de transporte de mercadorías de referencia global. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre a Xunta e a asociación para o impulso do Corredor Atlántico Noroeste. Tamén participou no acto o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro. Vázquez Mourelle salientou que o obxectivo é unir o interese estratéxico do Goberno galego por potenciar a competitividade da comunidade a través das infraestruturas e servizos de transporte de mercadorías co interese do conxunto de operadores da cadea loxística aglutinados no Clúster por chegar nas mellores condicións e coas maiores facilitades aos mercados internacionais. O Goberno galego financiará con 140.000 € as actuacións que desenvolva o Clúster para o fomento do Corredor Atlántico ata o ano 2025, coincidindo cun período esencial dentro dos prazos marcados pola UE para o desenvolvemento da súa rede prioritaria de transporte. Trátase de desenvolver estudos, encontros, foros e traballos encamiñados a axudar a implantar os estándares ferroviarios dos corredores europeos na rede galega integrada no Corredor Atlántico e a potenciar o resto das infraestruturas ferroviarias para o transporte de mercadorías, contando cunha rede de terminais intermodais para mercadorías. A conselleira detallou que o desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste permitiría triplicar en 2040 a cota modal do ferrocarril no transporte de mercadorías, evitar a emisión á atmosfera de 22 millóns de toneladas de CO2, abaratar en máis de 1.300 M€ os custos do transporte de mercadorías ou mobilizar máis de 6.500 empregos ao ano. Sinalou que este camiño pasa, de forma ineludible, polo impulso decidido das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade que conecten Vigo con Portugal nun prazo razoable, para o que cómpren pasos decididos a prol da Saída Sur. Destacou a necesidade dunha interlocución real co Goberno de España, tendo en conta que desde que o 27 de xaneiro se anunciou a creación do demandado Comisionado do Corredor Atlántico, a Xunta non puido aínda de manter unha xuntanza con ese representante para expoñer os seus intereses. Lembrou que a Xunta traballa desde hai anos co obxectivo de impulsar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico. Recordou que se teceron alianzas no exterior, coas comunidades de Asturias e Castela e León, coas que foi posible corrixir o erro histórico que deixaba o Noroeste peninsular fóra do Corredor Atlántico; e alianzas interiores, cos operadores privados, para contribuír a que Galicia se converta nun polo loxístico de referencia global. 12/06/2023
Noticia
30 xuñ 2023
A Xunta investiu máis de 115 M€ en 6 anos na mellora dos firmes das estradas autonómicas para garantir a conservación e reforzar a seguridade viaria e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios. Así o manifestou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no Parlamento de Galicia, onde subliñou que a Xunta leva licitadas este ano obras de mellora do firme por importe de 20,5 M€. O Goberno galego, desde que en 2016 puxo en marcha o Plan de reforzos de firme, dedica unha media de 20 M€ anuais a este cometido. Lembrou que a maiores, este ano as empresas concesionarias das autovías autonómicas van acometer obras de mantemento e rehabilitación do firme. Así, na A-56, a autovía Santiago-Brión, os traballos xa comezaron o pasado mes de abril e terán que estar rematados ao finais do verán, cun orzamento de 5,9 M€. Na autovía do Barbanza tamén se vai mellorar o firme, mediante un investimento que roldará os 6 M€. A isto súmase o Plan de conservación ordinaria e viabilidade invernal, licitado en outubro de 2021 por importe de 133,5 M€ e por un período de 4 anos. Tamén puxo en valor a inspección e xestión de obras de paso, muros e noiros, cun sistema no que a Xunta é pioneira e que este ano conta, por primeira vez, con partida específica por importe de 4,1 M€. Recordou que o pasado día 19 a Xunta encomendou á empresa pública Seaga a realización de traballos de control de biomasa nas marxes das vías autonómicas durante os vindeiros dous anos, o que suporá preto de 3 M€ de investimento. Fronte á aposta da Xunta pola conservación das estradas autonómicas, contrapuxo a inacción do Goberno central na rede da súa titularidade, cun deplorable estado de mantemento en casos como o da A-6, a A-52, a A-55 ou a N-642 na Mariña. Lamentou que por exemplo os usuarios da autoestrada estatal AP-53, entre Santiago e Dozón, teñan que pagar unha das peaxes máis caras de España, sen ningún tipo de bonificacións, por transitar por unha vía chea de fochancas. 31/05/2023