Listado de novas
Noticia
22 out 2021
A Xunta de Galicia comezou o luns 18 de outubro novas tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas, comezándose pola AC-552 no termo municipal de Vimianzo, na LU-540 ao seu paso polos municipios de Muras e de Xermade, e na estrada OU-402, nos termos municipais de Ourense, de Barbadás e de Castrelo de Miño. Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas. As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”. O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos. Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas. O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.
Noticia
08 out 2021
A Federación española de transporte discrecional de mercadorías (FETRANSA) organiza, o próximo 9 de outubro de 2021, un seminario sobre a “Coexistencia do modelo societario e individual no transporte de mercadorías, vantaxes e inconvenientes”. Este seminario abordará a análise dos modelos empresariais das empresas de transporte, reflexionando sobre as vantaxes e inconvenientes de cada un deles. As participacións versarán sobre os aspectos xurídicos de cada modelo de empresa, así como a fiscalidade aplicable, apuntando as previsión sobre o futuro das pequenas e grandes flotas do transporte de mercadorías, así como a configuración a curto e medio prazo do sector. Adiántase a importancia do servizo, un aspecto relevante nun entorno de armonización normativa.
Noticia
02 out 2021
Fesvial e Fenadismer están realizando un estudo sobre a seguridade vial laboral dos transportistas de furgonetas de mercadorías que operan nos ámbitos urbanos, no reparto e entrega de mercadorías, fundamentalmente comprados por internet (e-commerce). Os traballadores deste subsector ten a súa disposición, a través da web Fenadismer unha breve enquisa on line sobre as condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento da súa actividade, o que permitirá plantear melloras nesta materia.
Noticia
29 set 2021
O Brexit provocou que multitude de condutores que prestaban os seus servizos no Reino Unido, evitando as trabas burocráticas, regresasen aos seus países de orixe e encontrasen traballo neles; polo que este país encóntrase cunha situación urxente de falta de condutores. A gravidade da situación é de tal calado que afecta á distribución de combustible ás gasolineiras e de alimentos e outros produtos a supermercados, restaurantes... As medidas adoptadas polo Goberno do Reino Unido abarcan: - A concesión de ata 5.000 visado temporais para camioneiros estranxeiros para resolver o problema a curto prazo e, especialmente, en Nadal. - A formación gratuíta de 4.000 persoas para que poidan obter os permisos de condución profesionais a través de cursos acelerados (3 meses). Tamén se incrementan as ofertas de cabotaxe para transportistas europeos, sempre de conformidade coas normas existentes en Reino Unido tras o acordo comercial coa UE vixente desde o 1 de xaneiro de 2021, que permite, dadas determinadas condicións, ata dous recorridos con carga dentro do territorio do Reino Unido. Esta conxuntura tensa a situación de escaseza de condutores xeneralizada en varios países da Unión Europea, cuantificada pola Federación Nacional de Asociacións de Transportistas de España en 10 mil ofertas de emprego vacantes por falta de candidatos.
Noticia
27 set 2021
A nivel europeo, o proxecto piloto ECOGATE ten como obxectivo mellorar o mercado dos vehículos de gas natural convencionais e renovables en todo o Corredor Atlántico (Portugal, España e Francia), o Corredor Mar do Norte-Mediterráneo (Francia) e o Corredor Mediterráneo Español (España) a través de novas tecnoloxías e solucións innovadoras para o subministro de servizos loxísticos, combustibles máis limpos, infraestruturas de repostaxe... En España existe, actualmente, 185 puntos de repostaxe de gas natural operativos (e 24 en Portugal). Na web de GASNAM pódense consultar as estacións públicas de GNC e GNL, operativas e en construción. Desde 2013, derivado do Plan nacional de calidade do aire, os vehículos máis respectuosos co medio ambiente ten unha discriminación positiva a través de catro distintivos medioambientais. A etiqueta medioambiental ECO está dirixida a tusimos e comerciais lixeiros propulsados por GNC e vehículos híbridos no enchufables; así como para vehículos de transporte de mercadorías propulsados por GNC ou GNL, e para calquera vehículo EURO 6/VI.
Noticia
20 set 2021
A Xunta de Galicia abriu o prazo para solicitar as axudas para adquisición de vehículos eléctricos e a implantación de infraestruturas de recarga, no marco do programa Moves III. Este programa está dirixido, entre outros, a empresas, que poderán formalizar a súa petición ata o 31 de decembro de 2023. Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, polo que as axudas concederanse por orde de chegada. Estas solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras adheridas: concesionarios, no caso de adquisición de automóbiles, e instaladores de baixa tensión para a implantación de infraestruturas de recarga. Esta convocatoria do Moves inclúe dúas liñas: a) Vehículos: A primeira delas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible. Neste caso, as axudas oscilarán entre os 700 e os 9000 euros por automóbil en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. Así, a compra de motocicletas e cuadriciclos apoiarase con axudas de ata 2000 euros; os turismos recibirán ata 7000 euros; e as furgonetas poden chegar aos 9000 euros. Os particulares só poderán dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–. b) Puntos de recarga: A segunda liña do Moves III diríxese á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, con axudas de entre o 30% e o 80% do custo subvencionable en función do tipo de solicitante, potencia, ou localización en concellos de menos de 5000 habitantes. Deste xeito, a axuda máxima duplícase con respecto a anteriores convocatorias, onde era do 40%.
Noticia
08 set 2021
O 31 de agosto, a Comisión Europea abriu unha consulta pública sobre o próximo plan de continxencia para o transporte de mercadorías, co obxectivo de garantir a preparación para futuras crises e a continuidade comercial no sector. O plan ten como obxectivo establecer un "manual de crise" que incluirá accións relevantes para mitigar calquera impacto negativo sobre o sector do transporte, os pasaxeiros e o mercado interior en caso de unha crise. O obxectivo desta consulta será recoller as experiencias do día a día para facer fronte á pandemia de COVID-19. A consulta proporcionará ás partes interesadas, ​​e ao público en xeral, a oportunidade de expresar as súas opinións e posicións. Esta consulta está orientada, entre outras, a: • Autoridades públicas nacionais (ministerios e axencias responsables do transporte) • Autoridades públicas rexionais ou locais • Operadores / empresas de transporte e asociacións industriais • Organismos e axencias internacionais, rexionais e europeas relevantes que se ocupan do transporte. Pódese participar inscribíndose no Rexistro de transparencia da UE e respondendo a un sinxelo cuestionario ao que se pode acceder desde a publicación da iniciativa "Plan de continxencia para o transporte" na páxina web da Comisión Europea: ec.europa.eu
Noticia
31 ago 2021
A Xunta de Galicia está a organizar cursos sobre benestar animal no transporte en distintos concellos da xeografía galega. Trátase de accións formativas organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), cunha duración total de 20 horas distribuídas nun módulo xeral e outro específico, e nas que se abordan temas como saúde e seguridade no traballo, o manexo, hixiene e prevención sanitaria, e a lexislación sobre benestar animal. Todos os interesados poderán anotarse nos cursos a través do apartado do plan de formación 2021 da páxina web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021
Noticia
31 ago 2021
A Xunta de Galicia abre unha nova liña de axudas con 800.000 euros para impulsar as plataformas de venda online de produtos agroalimentarios no rural galego, destinada a concellos de menos de dez mil habitantes, federacións de comerciantes e Grupos de Desenvolvemento Rural. O obxectivo é impulsar accións de promoción comercial e de acceso a canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace (catálogos, tendas e pagos online, xestión de pedidos, posicionamento SEO, accións de marketing...) para produtos agroalimentarios no medio rural, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor. Estes espazos supoñen un gran escaparate para o sector primario, o que axuda a revitalizar as zonas rurais e conseguir vendas que contribúan ao desenvolvemento, dinamización, expansión e competitividade; ao tempo que supón unha oportunidade para gañar visibilidade e dinamizar a economía local.