Listado de novas
Noticia
23 nov 2023
A Xunta lamenta que o Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico cuestione a implicación do empresariado galego e actúe como un muro que impide o diálogo. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, clausurou o encontro ‘Oportunidades e futuro do transporte ferroviario de mercadorías de Galicia’, organizado polo Clúster da Función Loxística de Galicia. Vázquez Mourelle felicitou á Confederación de Empresarios de Pontevedra por alzar a voz en defensa do traballo dos empresarios de Galicia fronte aos ataques do Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico. Resaltou que as industrias e os portos de Galicia están volcados en crecer, incrementar a súa actividade e chegar a novos mercados. Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo o acento na necesidade de dotar a comunidade de servizos ferroviarios modernos e competitivos para ser a ponte entre América e Europa e conectar tamén as mercadorías con Portugal. Para acadar estes obxectivos, o Corredor Atlántico agarda unha planificación de investimentos por importe de 8.000 M€, pero a conselleira lamentou que cando máis necesita Galicia unha rede de transporte ferroviaria competitiva, menor é o grao de compromiso por parte do Goberno de España. Censurou que o Goberno de España siga retrasando a presentación do Plan Director do Corredor Atlántico que se comprometera a ter xa en 2019. Indicou que as perspectivas non son boas nin para as mercadorías nin para os viaxeiros, xa que a conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense renuncia a un trazado capaz de facer a viaxe máis rápida e competitiva; e o tren Ferrol-A Coruña segue sen unha planificación decidida por parte do Executivo central. Sinalou que tampouco avanza a conexión de alta velocidade con Portugal; e o Goberno parece renunciar á Variante Exterior de Ourense e á conexión da terminal de Bouzas. Manifestou a súa inquedanza polas frecuencias suspendidas desde a pandemia e non restablecidas a día de hoxe e polos trens Avril, que acumulan retrasos constantes e non hai data oficial concreta para a súa chegada a Galicia.
Noticia
23 out 2023
A Xunta concedeu un total de 103 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, destinado un orzamento de 638.000 euros. O Diario Oficial de Galicia publicou o 18 de outubro de 2023 a resolución coa listaxe destas primeiras subvencións concedidas do 1 de xuño ao 30 de setembro de 2023, no marco da convocatoria lanzada o pasado mes de abril pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida a autónomos e pemes do sector. A información detallada pódese ampliar no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231018/AnuncioG0533-091023-0002_gl.html Mediante esta convocatoria perséguese incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector. En concreto, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta primeira quenda un total de 90 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración. Ademais concedéronse 6 axudas á mellora de sistemas de ticketing e 3 a axudas aos servizos de transporte de viaxeiros. Tamén se outorgaron 4 axudas, unha por categoría, á xestión de documentos de control electrónicos; á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión; á implantación doutros sistemas de mellora; e á implantación de sistemas de axuda á explotación, SAE. Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar 2 solicitudes para 2 categorías diferentes, recibirá 2 cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos acordos será de 3 meses desde a notificación da resolución de concesión. Esta iniciativa foi lanzada o pasado 28 de abril, momento no que se abriu a convocatoria para este ano e o vindeiro 2024, e está dotada cun orzamento total de 6.257,628 euros. Estas medidas impulsadas pola departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O procedemento de concesión das axudas é directo e as solicitudes son atendidas por rigoroso orde de entrada ata o esgotamento dos fondos. Nas bases da convocatoria recóllese que os destinatarios últimos desta axudas deberán formalizar un contrato previo e un acordo de prestación de solucións de modernización coas empresas provedoras de solucións de modernización adheridas ao programa de axudas, que publicarán a súa oferta de servizos no rexistro que a tal efecto creou o Ministerio de Transportes. Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude. Entenderase como data de inicio das actuacións a data da sinatura do contrato entre o destinatario último e o provedor de solucións de modernización. Os destinatarios poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade. Deberán, en todo caso, presentar unha solicitude independente para cada unha das solucións de modernización. Estas axudas son incompatibles con outras subvencións que puidesen concederse para os mesmos custos subvencionables, procedentes de calquera administración, entes públicos, privados, nacionais, internacionais ou da Unión Europea.
Noticia
21 set 2023
A Xunta comprometeuse hoxe a exixir que o Plan Director do Corredor Atlántico inclúa o Porto de Vigo e o impulso da Saída Sur ferroviaria. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, no encontro mantido para abordar diferentes asuntos de interese para ambas as administracións. Vázquez Mourelle avanzou que a Xunta manterá unha reunión nas vindeiras semanas co secretario de Estado de Infraestruturas do Goberno de España e poñerá sobre a mesa estas cuestións. Destacou que o Goberno galego aspira a que a incorporación do noroeste ao Corredor Atlántico sexa completa, é dicir, que formen parte como Rede Básica, tanto o Porto de Vigo como a conexión en alta velocidade con Portugal. Indicou que cómpre o apoio expreso do Goberno de España para conseguir que esa incorporación do Porto de Vigo ao Corredor Atlántico se confirme na tramitación pendente. Remarcou que esta oportunidade tamén se debe traducir nun plan de investimentos cun horizonte temporal realista, pero ambicioso para a modernización da rede ferroviaria de mercadorías. Lamentou que nin o Goberno galego nin a Autoridade Portuaria de Vigo puideron departir sobre o Corredor Atlántico co Comisionado que o Goberno de España nomeou hai 8 meses. Lembrou que a pasada semana este ente estivo en Galicia, pero non considerou oportuno escoitar nin á Xunta nin aos presidentes dos portos. Por outra parte, no encontro de hoxe tamén se repasou o convenio de colaboración entre a Xunta e a Autoridade Portuaria para potenciar a mobilidade sostible, para peóns e ciclistas, na fronte litoral de Vigo a través da súa humanización e recuperación para a vida urbana. A Consellería de Infraestruturas está a apoiar, a través dun investimento de 3,5 M€, esta iniciativa do Porto de Vigo para mellorar a súa integración na vida urbana. Recordou que a pasada primavera foi posible poñer ao servizo de todos os vigueses unha senda peonil e ciclista entre O Berbés e Portocultura, e a posta en valor dunha importante contorna histórica de Vigo. Na xuntanza de hoxe, o presidente da Autoridade Portuaria confirmou que a 2ª parte desa colaboración, consistente na humanización dun novo treito de 1,6 km entre Beiramar e Bouzas, ten culminados todos os trámites e poderá comezar a executarse nos vindeiros días. Segundo se expuxo na reunión, Ethel Vázquez confiou en que na 1ª metade de 2024 a Xunta e o Porto de Vigo terá rematada esta recuperación do bordo litoral de Vigo grazas a un investimento conxunto de 5 M€. Ademais, no encontro avaliouse a terminal ferroviaria da Plisan, un proxecto que está a impulsar o Porto de Vigo para conectar de forma directa coa estación de Guixar e incrementar a conectividade do Porto de Vigo e toda a capacidade Loxística do sur de Galicia. Ethel Vázquez congratulouse polo inicio previsto en outubro da execución desas obras, materializando un investimento de máis de 35 M€ que permitirá converter o Porto de Vigo nun gran polo loxístico do sur de Europa. 20 de setembro de 2023
Noticia
21 set 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai impulsar a primeira Rede galega de áreas de estacionamento seguro e protexido para o transporte de mercadorías, co obxectivo de acadar as 1.500 prazas. Trátase dunha medida “moi demandada polo sector” que vai dirixida a “mellorar a seguridade e condicións laborais dos profesionais do transporte”, indicou. Rueda salientou que entre os principais obxectivos está “facer máis atractiva esta profesión e favorecer a incorporación da muller”. Nesta liña, explicou que a taxa de mulleres que se dedican ao sector do transporte en Europa é do 5%, e no caso de Galicia esta porcentaxe non chega ao 3%. Tras o acordo aprobado hoxe no Consello, tal e como subliñou o presidente, “Galicia vai ser a primeira comunidade en contar cunha rede de aparcadoiros seguros para camións”. A Xunta, con esta actuación, busca mellorar os servizos aos transportistas na comunidade autónoma, sempre en coordinación con entidades públicas ou privadas, asociacións e administracións que compartan o mesmo obxectivo. Para iso, Rueda avanzou que os aparcadoiros seguros contarán “con servizo de vixilancia, peche perimetral, iluminación axeitada ou otros servizos como duchas”. Na reunión de hoxe, o Executivo autonómico avaliou as propostas concretas que se van realizar nunha primeira fase e a curto prazo, que garantan que nun horizonte de aproximadamente un ano se comecen a obter resultados visibles, a través do impulso de máis de 300 prazas en áreas de estacionamento de concentración e en áreas de estacionamento de tránsito, a través dun investimento de 750.000 €. No referente ás áreas de estacionamento de concentración, situadas en grandes polos de atracción de mercadorías e dotadas, xeralmente, de máis servizos, a Xunta impulsará a creación dunha área de estacionamento seguro e protexido na Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, que servirá como área de referencia na contorna de Ourense. Así, estase a tramitar un convenio de colaboración entre as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade, e de Promoción do Emprego e Igualdade, coa Deputación Provincial de Ourense e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, para o desenvolvemento dunha área de estacionamento seguro e protexido no municipio ourensán, que poderá albergar 59 prazas de aparcadoiro. No referente ás áreas de estacionamento de tránsito, localizadas en rutas para realizar os descansos necesarios segundo a normativa existente, o plan estratéxico prevé tamén neste vindeiro ano 2024 o desenvolvemento dun número axeitado de prazas distribuídas polo territorio de Galicia na proximidade das principais vías de comunicación. Esta iniciativa do Goberno galego realizarase a través dunha orde de axudas para a subvención de aparcadoiros existentes para certificarse como área de estacionamento protexido, dotadas cun investimento inicial de 500.000 euros, que servirán a 250 prazas repartidas nas catro provincias galegas. Ademais, a área de transportes do Ceao, no concello de Lugo, que conta cun aparcadoiro para vehículos pesados de máis de 80 prazas con servizos asociados, será modernizada para adaptala ás novas exixencias do mercado. Esa área, dependente da Dirección Xeral de Mobilidade, está sendo explotada actualmente en réxime de concesión. A Xunta realizará os estudos e análises necesarios para a súa actualización e adecuación ás novas exixencias do mercado ao finalizar a concesión. 14 de setembro de 2023
Noticia
09 ago 2023
O agrupamento de mercadorías é un modo de transporte que consiste en “agrupar” pequenos envíos de mercadorías de distintas empresas que teñen un destino similar ata completar un remolque, compartindo espazo de carga e custo entre varios clientes. Estes servizos poden cubrir diferentes tipos de mercadorías: estándar e ADR, paletizadas ou non (paquetes, tubos, máquinas...). Normalmente aplícase a envíos de menos de 3 toneladas. Este sistema de transporte permite ás empresas do sector ofrecer unha maior frecuencia de saídas/chegadas e ampliación de rutas. É un sistema bastante estendido que ofrece varias vantaxes: a) Á empresa de transportes: optimización do espazo de camións, redución de desprazamentos, aumento do número de destinos... b) Ás empresas: posibilidade de envíos directos aos clientes, rapidez e puntualidade nas entregas, aforro económico... c) Ao medio ambiente: redución do consumo de combustible e, polo tanto, das emisións contaminantes.
Noticia
27 xul 2023
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu un total de 118 novas axudas para o achatarramento de vehículos de transporte por estrada, destinando un orzamento de máis de 2,9 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución coa listaxe destas subvencións concedidas do 1 de maio ao 30 de xuño de 2023, e cuxa información detallada se pode ampliar a partir do seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230714/AnuncioG0533-060723-0001_gl.html O DOG tamén recolle o outorgamento de 3 novas axudas dirixidas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, cun investimento de 120.000 €. Estas liñas de axudas enmárcanse na aposta que está a realizar a Xunta a prol do sector do transporte, destinando ata o ano 2024 un orzamento que rolda os 20,4 millónes de euro a incentivos para a transformación de vehículos de transporte de viaxeiros e de mercadorías. Desde o lanzamento desta convocatoria en abril do 2022, a Xunta leva mobilizado algo máis de 13,2 millóns de euros, nun total de 323 axudas dirixidas ao achatarramento de vehículos de transporte por estrada e 24 á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono. A este respecto, ademais das subvencións dirixidas ao achatarramento das frotas ou á compra de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, tamén se fomentan os incentivos para a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír á diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Estas medidas impulsadas pola departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Noticia
27 xul 2023
Os combustibles renovables fabrícanse con materias primas renovables, como aceites usados, residuos da industria agroalimentaria ou hidróxeno renovable, ofrecendo prestacións similares aos carburantes tradicionais e podéndose distribuír e comercializar a través das mesmas infraestruturas. A Asociación Española de Operadores de Produtos Petrolíferos explica que a pegada de carbono destes combustibles é cero, en tanto que o carbono que se emite na súa combustión compénsase co retirado previamente na súa fabricación. Nas estacións de servizo de España, de acordo á normativa europea de etiquetaxe, pódense encher: - B7: é unha mestura de 93% de diésel cun 7% de biodiesel. - B10: é unha mestura de 90% de diésel cun 10% de biodiesel. O uso de combustibles renovables como o biodiesel evita a emisión de CO2 á atmosfera. Estes combustibles pódense producir con residuos de orixe orgánica e refugallos de distintas actividades económicas: - Aceites de cociña. - Fracción orgánica dos residuos municipais que non se pode compostar. - Residuos agroalimentarios como graxas animais e restos vexetais. - Podas agrícolas e biomasa forestal. En Galicia e no conxunto da península están a desenvolverse distintas iniciativas de produción de biocombustibles e experiencias piloto para comprobar o seu funcionamento e rendemento, tanto en avións como en autobuses e camións.
Noticia
19 xul 2023
26 DE NOVEMBRO: DÍA MUNDIAL DO TRANSPORTE SOSTIBLE A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o 16 de maio de 2023 unha resolución para establecer o 26 de novembro como día para celebrar o Día Mundial do Transporte Sostible. Esta resolución foi adoptada no marco da 70ª sesión plenaria da 77º período de sesións da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, sendo presentada pola delegación de Turkmenistán, tras a proposta inicial da IRU de ter un día mundial dedicado ao transporte, que recoñece o papel indispensable do transporte na sociedade, o desenvolvemento económico e a protección ambiental. A presentación destacou que o transporte impulsa o desenvolvemento, conecta persoas e comunidades locais co mundo, consolida mercados e facilita o comercio; e o transporte sostible é esencial para un futuro sostible, xogando un papel fundamental na aplicación da axenda 2030. A ONU convida a celebrar o Día Mundial do Transporte Sostible a través de actividades educativas e a realización de actos destinados a aumentar o coñecemento da poboación sobre temas relacionados co transporte sostible, en particular a mellora da conectividade do transporte intermodal, a promoción do transporte respectuoso co medio ambiente. , o desenvolvemento dunha infraestrutura de transporte socialmente inclusiva e outros aspectos da sustentabilidade do transporte. A ONU comprométese a reforzar o papel do transporte e a mobilidade sostibles na creación de emprego, facilitando a mobilidade e incrementando a eficiencia das cadeas de subministración para conectar ás persoas e comunidades con postos de traballo, escolas e coidados de saúde e facilitar a subministración de bens e servizos ao medio rural. e comunidades urbanas, co fin de garantir a igualdade de oportunidades para todos e non deixar atrás a ninguén. Esta resolución destaca que os medios de transporte sostibles e de baixas emisións que se caracterizan pola súa eficiencia enerxética contribúen á adaptación ao cambio climático e á mitigación dos seus efectos e á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e que as estratexias a longo prazo e as alianzas das múltiples partes interesadas son importantes na posta en marcha destes modos de transporte sostibles. O proxecto de resolución "Día Mundial do Transporte Sostible", contido no documento A/77/L.67, foi copatrocinado por máis de 50 países. A declaración do Día Mundial do Transporte Sostible supón unha oportunidade para transmitir á comunidade internacional os avances acadados e as leccións aprendidas, así como os retos pendentes. Este día é unha oportunidade para concienciar e invitar a persoas e organizacións a actuar inmediatamente.
Noticia
19 xul 2023
O Consello europeo e o Parlamento europeo han chegado a un acordo provisional para despregar sistemas de transporte intelixentes nas estradas europeas, a través dos cales transmitir datos sobre o transporte por estrada. A finais de 2025 prevese que os Estados membros da Unión Europea garantan información como as condicións de acceso aos túneles, os límites de velocidade, a reserva de prazas de aparcamento seguras para camións e outra información a través de puntos de acceso nacionais. Esta información debe ser dinámica, de tal forma que se estea actualizando de forma continua, e permitir mellorar as condicións de traballo dos condutores. A finais de 2025 está previsto que os operadores de transporte poidan recibir información sobre as normas de acceso de vehículos urbanos (restricións permanentes de acceso).