Nova
Noticia
A Xunta concede 638.000 euros para a modernización e dixitalización das frotas de transporte
23 out 2023
A Xunta concedeu un total de 103 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, destinado un orzamento de 638.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publicou o 18 de outubro de 2023 a resolución coa listaxe destas primeiras subvencións concedidas do 1 de xuño ao 30 de setembro de 2023, no marco da convocatoria lanzada o pasado mes de abril pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida a autónomos e pemes do sector. A información detallada pódese ampliar no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231018/AnuncioG0533-091023-0002_gl.html

Mediante esta convocatoria perséguese incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector. En concreto, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta primeira quenda un total de 90 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración. Ademais concedéronse 6 axudas á mellora de sistemas de ticketing e 3 a axudas aos servizos de transporte de viaxeiros. Tamén se outorgaron 4 axudas, unha por categoría, á xestión de documentos de control electrónicos; á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión; á implantación doutros sistemas de mellora; e á implantación de sistemas de axuda á explotación, SAE.

Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar 2 solicitudes para 2 categorías diferentes, recibirá 2 cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos acordos será de 3 meses desde a notificación da resolución de concesión.

Esta iniciativa foi lanzada o pasado 28 de abril, momento no que se abriu a convocatoria para este ano e o vindeiro 2024, e está dotada cun orzamento total de 6.257,628 euros. Estas medidas impulsadas pola departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O procedemento de concesión das axudas é directo e as solicitudes son atendidas por rigoroso orde de entrada ata o esgotamento dos fondos. Nas bases da convocatoria recóllese que os destinatarios últimos desta axudas deberán formalizar un contrato previo e un acordo de prestación de solucións de modernización coas empresas provedoras de solucións de modernización adheridas ao programa de axudas, que publicarán a súa oferta de servizos no rexistro que a tal efecto creou o Ministerio de Transportes.

Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude. Entenderase como data de inicio das actuacións a data da sinatura do contrato entre o destinatario último e o provedor de solucións de modernización. Os destinatarios poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade. Deberán, en todo caso, presentar unha solicitude independente para cada unha das solucións de modernización. Estas axudas son incompatibles con outras subvencións que puidesen concederse para os mesmos custos subvencionables, procedentes de calquera administración, entes públicos, privados, nacionais, internacionais ou da Unión Europea.