Nova
Noticia
Combustibles renovables
27 xul 2023
Os combustibles renovables fabrícanse con materias primas renovables, como aceites usados, residuos da industria agroalimentaria ou hidróxeno renovable, ofrecendo prestacións similares aos carburantes tradicionais e podéndose distribuír e comercializar a través das mesmas infraestruturas.

A Asociación Española de Operadores de Produtos Petrolíferos explica que a pegada de carbono destes combustibles é cero, en tanto que o carbono que se emite na súa combustión compénsase co retirado previamente na súa fabricación.

Nas estacións de servizo de España, de acordo á normativa europea de etiquetaxe, pódense encher:
- B7: é unha mestura de 93% de diésel cun 7% de biodiesel.
- B10: é unha mestura de 90% de diésel cun 10% de biodiesel.

O uso de combustibles renovables como o biodiesel evita a emisión de CO2 á atmosfera.

Estes combustibles pódense producir con residuos de orixe orgánica e refugallos de distintas actividades económicas:
- Aceites de cociña.
- Fracción orgánica dos residuos municipais que non se pode compostar.
- Residuos agroalimentarios como graxas animais e restos vexetais.
- Podas agrícolas e biomasa forestal.

En Galicia e no conxunto da península están a desenvolverse distintas iniciativas de produción de biocombustibles e experiencias piloto para comprobar o seu funcionamento e rendemento, tanto en avións como en autobuses e camións.