Listado de novas
Noticia
17 ago 2021
A mocidade galega pode solicitar ata o 13 de setembro as axudas para o pago do permiso de conducir tipo B (turismo) ou tipo C (camión), conforme a Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega. As persoas destinatarias deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Ter feitos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C e que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil (SNGX). b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano. c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. d) Estar matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentar a solicitude ou ben ter o/os permiso/s para o/os cales se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude. As solicitudes teñen que se presentar por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Noticia
02 ago 2021
O Ministerio de Transportes actualizou á normativa vixente a base de preguntas e respostas dos exames de competencia profesional de transportistas. Pódese acceder a este banco a través de https://www.mitma.es/transporte-terrestre/servicios-al-transportista/competencia-profesional Neste sitio web hai preguntas e casos prácticos diferentes para transporte de mercadorías ou de pasaxeiros. Aínda que as probas son convocadas polas Comunidades Autónomas competentes, as probas para obter o certificado de competencia profesional están reguladas na Orde do 28 de maio de 1999 do Ministerio de Fomento (BOE do 11 de xuño) e modificadas polo Regulamento (CE) núm. 1071/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009. Estas probas para obter o certificado de competencia profesional teñen que tratar sobre as materias mencionadas no anexo I (parte I) do citado Regulamento (CE) no 1071/2009, que fan referencia a elementos de Dereito civil, mercantil, laboral e fiscal, xestión comercial e financeira da empresa, acceso aos mercados, normas e explotación técnicas, e seguridade vial.
Noticia
02 ago 2021
A Xunta outorga axudas a 7 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, cun investimento de 400.000 euros, co obxectivo de mellorar as capacidades do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. O pasado 13 de xullo de 2021, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo pública a resolución coa listaxe das asociacións, integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada, ás que se lle concederon estas axudas, correspondentes coa convocatoria do ano 2021. No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha destas entidades: https://xurl.es/203m6 As entidades beneficiarias teñen ata o vindeiro día 2 de novembro de 2021 para presentar a documentación xustificativa das accións formativas realizadas ao abeiro desta nova convocatoria.
Noticia
02 ago 2021
Ninguén pensa en ter un accidente e menos que sexa necesario un rescate, pero a recuperación das viaxes por estrada fai necesario prestar atención aos medios de seguridade para prevelos e minimizalos, pero tamén para actuar despois dun accidente. A Dirección Xeral de Tráfico, cando indica o equipo para actuar despois dun accidente, indica un equipamento obrigatorio no vehículo, a folla de rescate e o sistema de chamada automática e-call. O equipamento obrigatorio no vehículo, segundo o Regulamento xeral de vehículos, son os 2 triángulos de alerta de perigo (agora substituíbles pola luz flash de emerxencia) e, polo menos, un chaleco reflectante de alta visibilidade: - O chaleco reflectante de alta visibilidade: é imprescindible para ser visible ao saír do vehículo pola vía pública interurbana. - Os triángulos de emerxencia ou o flash de emerxencia V16: se xa ten unha luz flash de emerxencia podemos colocala sen baixar do vehículo e substitúe a colocación dos triángulos de emerxencia (que se complementarían acendendo a luz de emerxencia do propio vehículo). En canto á folla de rescate, a DXT recomenda imprimila e colocala no parasol do asento do condutor para que os servizos de emerxencia coñezan mellor o vehículo. A través dos sitios web dos fabricantes e de organismos como o RACC pódese acceder ás follas de rescate de diferentes modelos de vehículos; normalmente un pdf dunha páxina con información sobre a situación dos airbag, reforzos estruturais, batería, depósito de combustible e outros elementos de seguridade. O sistema de chamada automática e-call é un sistema gratuíto de chamadas de emerxencia ao 112 cando se produce un accidente de tráfico grave. Estes sistemas son obrigatorios para os novos modelos de turismos con ata 8 prazas homologados a partires do 31/03/2018.
Noticia
08 xul 2021
A Unión Europea estableceu, no seu programa Europa on the Move (2019), que todos os turismos, vehículos comerciais, autobuses e camións deben incorporar un conxunto de sistemas de seguridade intelixentes para ser aprobados. Este programa europeo ten como obxectivo reducir o número de vítimas mortais nas estradas europeas, mediante a introdución de asistentes electrónicos que aumentan a seguridade do tráfico. Os sistemas obrigatorios para furgonetas, autobuses e camións son, entre outros: a) Sistema de velocidade intelixente, que recoñece a velocidade máxima permitida na estrada, avisa ao condutor de que a supera e dificulta a súa superación. b) Sistema de detección de somnolencia, que avisa se detecta que o condutor non está en estado de alerta. c) Sistema de saída de carril, que alerta dun desprazamento do camiño que pisa a liña delimitadora de carril sen ter indicado o movemento. Este aviso será óptico, acústico e con vibracións. d) Sistema de detección de obstáculos, que avisa ou evita unha colisión inminente ao detectar outro obxecto a certa distancia. e) Activación automática das luces de perigo cando o vehículo diminúe a velocidade. f) Caixa negra ou rexistro de datos do vehículo, que van desde a velocidade, a activación de dispositivos de seguridade...
Noticia
08 xul 2021
O permiso ADR autoriza para o transporte de mercadorías perigosas, acreditando os coñecementos necesarios para transportar e manipular dita carga durante o seu transporte, sempre contando co permiso de condución ordinario en vigor requirido para o vehículo de que se trate. Esta autorización especial de mercadorías perigosas obtense realizando un curso nun centro de formación homologado e superando unha proba teórica na Dirección General de Tráfico. Este permiso ten carácter internacional a nivel europeo, permitindo transportar ditas mercadorías nos países que teñan asinado o acordo europeo sobre transporte de mercadorías perigosas por estrada (Convenio ADR). Existe unha autorización básica ADR e 3 ampliacións: - ADR Cistenas, que habilita para o transporte en cisternas, vehículos batería, unidades de transporte que inclúan cisternas ou contedores cisterna. - ADR Explosivos, que habilitan para el transporte de materias da clase 1 (explosivos). - ADR Radioactivos, que habilita para o transporte de materias da clase 7 (radioactivos). A sede electrónica da DGT (www.sede.dgt.gob.es) ofrece ampla información sobre os permisos ADR.
Noticia
05 xul 2021
Conforme aos datos de xuño de 2021 do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, o número de empresas de transporte de mercadorías en Galicia situouse en 6.998, superando as existentes en 2018. Aínda que o crecemento estatístico se produce nos vehículos pesados (acadando 18.062 unidades)., en parte débese á reforma do ROTT (Real decreto 70/2019), o segmento de vehículos lixeiros segue medrando ata acadar as 7.145 unidades. O total de vehículos adscritos a empresas con autorización de transporte de mercadorías por estrada en Galicia é de 25.207 vehículos.
Noticia
05 xul 2021
O sector do transporte de mercadorías xera e manexa unha cantidade de información que xa se pode medir en zettabytes de datos e require de instrumentos tecnolóxicos para o seu uso seguro cumprindo as distintas normativas. Neste eido é necesario un marco harmonizado e legalmente vinculante para garantir a axeitada xestión dos mesmos. O uso de ferramentas dixitais para o comercio e o tránsito de mercadorías facilitará a recuperación económica, xerando novas oportunidades loxísticas e empresariais. A dixitalización, tanto da información relacionada coa mercancía como a relacionada cos propios vehículos (mantementos, reparacións...), é fundamental para optimizar custos e garantir a eficiencia e a seguridade nas estradas. Con este fin estanse desenvolvendo procesos e aplicacións para incrementar a produtividade no sector do transporte en ámbitos como a monitorización e optimización de rutas, o rexistro automático e telemático da actividade, ou a seguridade vial.
Noticia
05 xul 2021
A Confederación Española de Talleres (CETRAA) celebrou o pasado 16 de xuño un encontro telemático sobre “Actualidade e futuro dos talleres de vehículos industriais”, no que se analizaron os factores a considerar para afrontar os retos deste sector, como a falta de cualificación profesional do persoal, a transformación do parque de vehículos e a mellora da xestión da propia instalación. Si ben en España se poden encontrar máis de 7 mil talleres que realizan mantementos ou distintas reparacións en vehículos industriais, o número de talleres especializados é moi inferior e o sector require de servizos de alta cualificación e tecnoloxicamente avanzados. Os participantes neste encontro coincidiron na necesidade de formación especializada que reforce a profesionalización do sector, tanto a nivel de mantemento e reparación como a nivel de xestión empresarial. Neste encontro comentouse tamén como a dixitalización e a conectividade permitirán os mantementos preventivos, reducindo o tempo de estadía do vehículo en taller.