Listado de novas
Noticia
05 mar 2024
Segundo o informe de comercio exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa correspondente ao mes de novembro de 2023,as exportacións españolas de bens descenderon un 6,7% interanual ata os 34.878,3 millóns de euros, mentres que as importacións reducíronse un 8,3% interanual ata os 37.304,3 millóns de euros. Cos datos desestacionalizados e corrixidos de efecto calendario, as exportacións caeron un 6,9% interanual e as importacións un 8,2%. En volume, as exportacións diminuíron un 6,7% interanual, debido a que os prezos aproximados polos índices de valor unitario mantivéronse estables, e as importacións reducíronse un 7,7% interanual, debido a que os seus prezos diminuíron un 0,7%. Por comunidade autónoma, as exportacións de Galicia supuxeron o 8,2% do total de España, mentres que importacións quedaron nun 5,2%. En Galicia as principais exportacións proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (26,3% do total, creceron un 4,0% interanual), sector automóbil (18,2% do total, descenderon un 0,2% interanual) e bens de equipo (17,8% do total, creceron un 53,3% interanual).
Noticia
05 mar 2024
O ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible aceptou a petición formulada pola patronal loxística UN, que solicitaba aplicar a excepcionalidade nos tempos de condución e descanso dos transportistas. O obxectivo desta actuación é amortecer o impacto das protestas dos agricultores españois nas estradas e garantir o funcionamento da cadea de subministración. As excepcións serán, igual que en Francia, temporais e aplicaranse a aqueles condutores que se vexan afectados polos cortes e retencións nas estradas, a condición de que non se poña en perigo a seguridade nas mesmas, e estarán vixentes ata o próximo 26 de febreiro. Durante este período, o límite de condución diaria pasa dun máximo de 9 horas a un máximo de 10 horas; o límite de condución semanal pasa dun máximo de 56 horas a un máximo de 60 horas; o descanso mínimo diario pasa de 11 horas a 9 horas; e establécese a posibilidade de pospoñer o inicio do período de descanso semanal máis aló de seis períodos de 24 horas..
Noticia
28 feb 2024
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica no Diario Oficial de Galicia, de 27 de febreiro de 2024, a resolución coa listaxe das 8 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada. No seguinte enlace ao DOG poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadan un investimento da Xunta de 500.000 euros: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240227/AnuncioG0533-200224-0002_gl.html O obxectivo destes incentivos é colaborar coas entidades que se integran no Comité Galego de Transportes co fin de que realicen un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector. Con estes incentivos a Xunta fomenta que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo. Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais. O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos. Nas tres últimas convocatorias, no ano 2021, 2022 e 2023, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 487 cursos nos que participaron un total de 7.186 profesionais.
Noticia
28 feb 2024
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor a inclusión da área de estacionamento protexido para vehículos pesados que se construirá no polígono de San Cibrao das Viñas dentro da futura rede galega de aparcadoiros destas características que está impulsando o Goberno galego de forma pioneira en España. Así o salientou durante o acto de firma do convenio entre a Xunta, a Deputación de Ourense e a Asociación de empresarios deste polígono industrial para poñer en marcha esta infraestrutura, cun investimento total de 500.000 euros, dos que a Administración autonómica achegará 300.000 euros, que se celebrou o 27 de febreiro de 2024. Rueda adiantou que “antes de que remate 2024” os transportistas de vehículos pesados que fagan uso deste polígono contarán cun estacionamento protexido “de máxima categoría” e que lles vai garantir “seguridade” e “os requirimentos de comodidades” co obxecto de facer “máis levadeiro un oficio tan duro coma este”. FAVORECER A INCORPORACIÓN DE MULLERES A UNHA PROFESIÓN MASCULINIZADA Neste senso, o titular do Executivo de Galicia en funcións precisou que esta área contará cun total de 59 prazas que se integrarán na futura rede galega de aparcadoiros seguros para o sector do transporte. En concreto, estará dotada cun total de 1.500 prazas espalladas por todo o territorio. Rueda incidiu en que o que se procura é mellorar a seguridade e comodidade dos transportistas nas súas paradas e descanso e fixo especial mención ao feito de que, ao favorecer esta contorna de seguridade, tamén se procura facer máis atractiva a profesión “para que se incorporen mulleres a esta profesión moi masculinizada”. Así, por exemplo, a área de estacionamento de San Cibrao das Viñas contará con perímetro valado, cámaras de seguridade, zonas de descanso ou vestiarios. Ademais, está planificada tendo en conta a perspectiva de xénero para garantir tamén a máxima seguridade para as mulleres condutoras. 12 M€ PARA A AMPLIACIÓN DO POLÍGONO DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS O presidente en funcións valorou o carácter estratéxico e “fundamental” desta infraestrutura, tanto para o desenvolvemento industrial da zona como á hora de apoiar un sector como o do transporte, que resulta fundamental -como demostrou na pandemia- e que representa en torno ao 1% do PIB galego. Por iso, Rueda agradeceu a todos os implicados o seu compromiso e puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións e entre a esfera pública e a privada á hora de poñer en marcha infraestruturas como esta, que redundan no beneficio de todos, xa que argumentou que favorecen o desenvolvemento e crecemento das empresas. Por último, o titular en funcións do Executivo galego referiuse tamén a outras apostas que está facendo a Xunta pola localidade. En concreto, apuntou á ampliación do propio polígono, xa en tramitación e na que se prevén investir 12,5 millóns de euros. Nese senso, apuntou a “antes de que remate 2025” como a data que se prevé para que esta ampliación estea completamente desenvolvida.
Noticia
01 feb 2024
Un dos cursos con máis interese dos condutores é a actualización sobre tacógrafo dixital, tempos de condución e descanso. O chamado Paquete de Movilidad publicado o pasado 31 de xullo de 2022 trouxo cambios para o tacógrafo dixital: a) Os tacógrafos intelixentes serán compatibles cos servizos de localización prestados por Galleo, o sistema europeo de navegación por complemento geoestacionario, ou con outros sistemas de navegación por satélite. b) A posición do vehículo debe rexistrarse automaticamente cada vez que cruce a fronteira dun Estado membro e cada vez que realice operacións de carga ou descarga. c) O aparello de control permitirá ao condutor introducir e confirmar, en tempo real, a información que indique que o vehículo está a ser cargado ou descargado ou que se está efectuando unha operación de carga/descargas simultáneas. d) Disponse de novos pictogramas para distintas operacións e posicionamentos que ha de rexistrar o tacógrafo. A partir do 21 de agosto de 2023 é obrigatorio instalar o tacógrafo dixital de segunda xeración nos vehículos novos, e nos que realicen transporte internacional como moi tarde o 18 de agosto de 2025.
Noticia
25 xan 2024
A Xunta publica, con data 23 de xaneiro de 2024, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de 253 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada. No seguinte enlace ao DOG recóllese a resolución coa listaxe destas subvencións, que acadan un orzamento de preto de 1,4 M€ de euros: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240123/AnuncioG0533-150124-0001_gl.html O DOG recolle así a listaxe da segunda quenda destas subvencións concedidas do 1 de outubro ao 31 de decembro, no marco da convocatoria lanzada o pasado mes de abril pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dirixida a autónomos e pemes do sector. O obxectivo desta convocatoria é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector. En concreto, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta segunda quenda un total de 249 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración. Ademais concedéronse 2 axudas á mellora de sistemas de ticketing, e outorgáronse outras 2 axudas, unha por categoría, á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión e aos servizos de transporte de viaxeiros. Convocatoria aberta Esta iniciativa foi lanzada en abril do 2023, momento no que se abriu a convocatoria para o pasado ano e este 2024, e está dotada cun orzamento total de 6.257,628 euros. Estas medidas enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O procedemento de concesión das axudas é directo e as solicitudes son atendidas por rigorosa orde de entrada ata o esgotamento dos fondos. Nas bases da convocatoria recóllese que os destinatarios últimos desta axudas deberán formalizar un contrato previo e un acordo de prestación de solucións de modernización coas empresas provedoras de solucións de modernización adheridas ao programa de axudas, que publicarán a súa oferta de servizos no rexistro que a tal efecto creou o Ministerio de Transportes. Dado o carácter incentivador das axudas, só se admitirán actuacións iniciadas con posterioridade á data de rexistro da solicitude. Entenderase como data de inicio das actuacións a data da sinatura do contrato entre o destinatario último e o provedor de solucións de modernización. Os destinatarios poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade. Deberán, en todo caso, presentar unha solicitude independente para cada unha das solucións de modernización. Estas axudas son incompatibles con outras subvencións que puidesen concederse para os mesmos custos subvencionables, procedentes de calquera administración, entes públicos, privados, nacionais, internacionais ou da Unión Europea. Para máis información pode consultar o seguinte enlace: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions?content=axuda_0013.html
Noticia
25 xan 2024
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica, o 22 de xaneiro de 2024, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de 93 novas axudas á transformación de frotas de transportes de viaxeiros e de mercadorías por estrada. No seguinte enlace ao DOG recóllese a resolución coa listaxe destas subvencións, que acadan un orzamento de algo máis de 5 millóns de euros. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240122/AnuncioG0533-120124-0001_gl.html O DOG recolle así a resolución coa listase das subvencións outorgadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2023, das que un total de 73 foron outorgadas para o achatarramento de vehículos por estrada, destinando un orzamento de máis de 1.477.000 euros. Esta publicación tamén recolle o outorgamento de 20 novas axudas dirixidas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, cun orzamento de 3.580.000 euros. Cómpre lembrar que estas liñas de incentivos foron lanzados desde a Xunta en abril do 2022 a prol do sector do transporte, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír á diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais destas subvencións dirixidas ao achatarramento das frotas ou á compra de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, as restantes liñas de actividade contempladas na convocatoria diríxense tamén á modificación da forma de propulsión de vehículos, á implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e á adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. O orzamento total destes incentivos suma case 29,5 M€, tras terse ampliado o crédito das mesmas en dúas ocasións. Deste xeito o prazo de solicitude destas axudas mantense aberto ata o día 30 de abril de 2024, agás as correspondentes cos puntos de recarga, cuxo prazo rematou o pasado 31 de decembro de 2023. As persoas interesadas en solicitar estas axudas, poden consultar toda a información da convocatoria no seguinte enlace: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/recursos/axudas-subvencions?content=axuda_0012.html
Noticia
25 xan 2024
Con data 23 de xaneiro de 2024, a Xunta de Galicia publica no DOG a Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e procédese á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A). Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D por parte das persoas mozas residentes en Galicia coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024. Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data da presentación da súa solicitude: a) Cumprir os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e non cumprir os 31. b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano. c) Non estar a traballar por conta propia nin allea. d) Aprobar o/os permiso/s de conducir para o/os que se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de presentación da solicitude. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 30 de setembro de 2024, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pago de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B, de 650 euros para o permiso de clase C, e de 1.300 euros para o permiso de clase D. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Noticia
24 xan 2024
Na Unión Europea, Noruega e Suíza, ademais dos permisos de conducir correspondentes ao vehículo que se utilice e a actividade que se realice é necesario obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP). A cualificación inicial e a formación continua de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada está regulada no Real Decreto 284/2021, do 20 de abril: https://www.boe.es/oi/es/rd/2021/04/20/284/con No caso do transporte de mercadorías, os permisos de conducir requiridos poden ser: • B para automóbiles cuxa masa máxima autorizada non exceda de 3.500 kg, entre outros condicionantes. • C1 que autoriza a condución de camións, cuxa masa máxima autorizada exceda de 3500 kg e non exceda o 7500 kg. • C que autoriza a condución de camións cuxa masa máxima autorizada exceda de 3500 kg. Cada un destes permisos ten variantes (+E) para conxuntos de vehículos axustados compostos por un vehículo tractor e un remolque ou semirremolque con determinadas características e en determinadas condicións. Pódese completar a información en: https://www.dgt.es/nuestros-servizos/permisos-de-conducir/clases-de-permisos-de-conducir/ O CAP é un certificado expedido pola consellería con competencias en transportes do lugar de residencia do interesado, sendo en Galicia a Consellería de Infraestruturas e Movilidad. No caso de ser novo condutor, o curso CAP contará con 140 horas lectivas, das cales 10 son prácticas, debéndose realizar en centros autorizados pola administración e de maneira presencial; sendo necesario presentarse a un exame de 100 preguntas tipo test. Cada cinco anos é necesario realizar un curso de renovación do CAP, que ten unha duración de 35 horas teóricas, sen realizarse exame. O permiso de mercadorías perigosas ADR é unha autorización administrativa especial que se require para a condución de vehículos que transporten mercadorías perigosas, como complemento aos permisos B, C, C1, D e D1. Este permiso renovarase cada cinco anos ata os 65 e cada tres anos a partir desta idade. Para conducir fóra da UE e do EEE é necesario obter e levar contigo o Permiso Internacional para poder conducir. É unha autorización complementaria, sendo aconsellable que vaia acompañado do teu permiso español en vigor. O período de validez é dun ano, pero só terá validez mentres a teña o teu permiso español. Podes ampliar e obter máis información sobre o permiso internacional se vas viaxar o estranxeiro: https://www.dgt.es/nuestros-servizos/permisos-de-conducir/validez-de-o teu-permiso-permiso-internacional/.