Nova
Noticia
Axudas para a obtención dos permisos de condución clases B, C e D
25 xan 2024
Con data 23 de xaneiro de 2024, a Xunta de Galicia publica no DOG a Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e procédese á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D por parte das persoas mozas residentes en Galicia coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data da presentación da súa solicitude:
a) Cumprir os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e non cumprir os 31.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Non estar a traballar por conta propia nin allea.
d) Aprobar o/os permiso/s de conducir para o/os que se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de presentación da solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 30 de setembro de 2024, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pago de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B, de 650 euros para o permiso de clase C, e de 1.300 euros para o permiso de clase D.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.