30 xuñ 2021
O pasado sábado 26 de xuño, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, celebrouse a primeira convocatoria de 2021 das probas de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros.
Os aspirantes foron citados en horario de mañá ou de tarde. No exterior do recinto ofreceuse información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio o uso de máscara.
As persoas que desexen acceder á segunda convocatoria disporán desde o 1 ao 23 de agosto de 2021, incluídos ambos días, para presentar a solicitude. Estas inscricións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
30 xuñ 2021
Segundo os datos publicados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), e recollidos polo Clúster da Función Loxística de Galicia, durante o mes de abril de 2021 Galicia exportou bens por un valor de 1.909,7 millóns de euros mentres que se importou por un valor de 1.605,8 millóns de euros, xerando un superávit comercial de 392 millóns de euros.
En importe económico, o sector con maior incidencia á hora de exportar foi o do automóbil (34,7%), seguido das manufacturas de consumo (8,8%) e a alimentación (5,7%).
O 62,95% das exportacións de Galicia tiveron con destino a Unión Europea, destacando Francia cun 23,9%, Portugal cun 12,6% e Italia cun 7,7%. Fóra da UE, realizáronse exportacións a países como Reino Unido, Marrocos, Estados Unidos, China, México, Singapur, Brasil e Canadá.
Estes datos mostran unha recuperación do comercio exterior de Galicia respecto ao ano 2020, no que o transporte por estrada se encontra como a principal modalidade cun 43% dos tráficos.
30 xuñ 2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación mantivo esta semana unha reunión telemática con representantes de Faconauto e Anfac para avaliar a situación do sector da automoción en Galicia e posibles medidas para apoiar a súa reactivación e promover unha mobilidade máis sostible.
Subliñouse a oportunidade que os fondos europeos Next Generation, a través dos 32 proxectos presentados, supoñen para avanzar e mobilizar inversión pública e privada.
Resaltáronse as iniciativas destinadas á automoción, aos portos, á loxística e ás estacións de servizo e puntos de recarga.
02 xuñ 2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación participou na presentación de Mindtech 2021, que se celebrará en setembro deste ano.
Francisco Conde suliñou que “Mindtech é unha aposta pola industria 4.0, a tecnoloxía, a innovación e o talento”, reafirmándose como a feira industrial de referencia do Polo Ibérico, con proxección nacional e internacional.
Se ben é un foro orientado a visibilizar o dobre proceso de transformación dixital e ecolóxica polo que atravesa o sector do metal e das súas tecnoloxías asociadas, entre os sectores protagonistas da próxima década presentes en Mindtech 2021 está a automoción, que avanzará cara a unha mobilidade sustentable, segura e conectada.
02 xuñ 2021
A plataforma DGT 3.0 permitirá conectarse entre si aos usuarios da vía, ofrecendo información do tráfico en tempo real para unha mobilidade máis segura e intelixente.
A edición de marzo da revista da DGT recolle un amplo artigo sobre esta solución tecnolóxica que, en 2025, permitirá que o 35% dos automóbiles estean interconectados, xerando sinerxías que contribuirán a acadar maiores cotas de seguridade.
Co impulso que suporá o desenvolvemento da rede de telefonía móbil 5G, en termos de incremento exponencial da calidade e velocidade na transmisión de datos, permitirá el acceso a información en tempo real sobre o estado da circulación e das vías.
O proxecto DGT 3.0 permite interconectar a todos os actores que forman o ecosistema: fabricantes de vehículos, empresas de aluguer, plataformas de transporte público, aplicacións relacionadas coa mobilidade segura e eficiente e, por suposto, os diferentes usuarios das vías.
02 xuñ 2021
A Organización Internacional do Transporte (IRU), a Global Shippers Alliance (GSA) e a Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) lanzaron a “Carta do condutor”, un compromiso para cargadores, transportistas e condutores que pretende elevar os estándares dos profesionais do sector.
Trátase dun compromiso sectorial para mellorar o trato aos condutores nos lugares de recollida e entrega e, polo tanto, mellorar as condicións de traballo, aumentar a eficiencia operativa e conseguir que a profesión sexa máis atractiva.
Calquera interesado en unirse a este compromiso pode acceder a través de https://support-our-drivers.org/charter/
02 xuñ 2021
O 21 de maio publicouse no BOE a Lei 7/2021, do 20 de maio, de Cambio Climático e Transición Enerxética, como marco para facilitar a progresiva adecuación da realidade do país ás esixencias que regulan a acción climática e garantir a coordinación e sinerxías das políticas sectoriais co obxectivo da neutralidade climática.
Esta lei establece o obxectivo de reducir en 2030 o 23% das emisións de gases de efecto invernadoiro do conxunto da economía española con respecto a 1990 e de acadar a neutralidade climática antes de 2050.
O sector do transporte terá que integrar as enerxía renovables e procurar combustibles alternativos renovables para contribuír ao cumprimento dos obxectivos pretendidos, con medidas específicas previstas polo goberno.
No transporte por estrada fomentarase a penetración dos gases renovables (biogás, biometano, hidróxeno e outros combustibles), pretendéndose que os turismos e vehículos comerciais lixeiros non teñan emisións directas de dióxido de carbono no ano 2050, con electrificación do reparto urbano de “última milla”.
30 abr 2021
O novo Regulamento Xeral de Vehículos, que entrou en vigor o 15 de abril, prevé a limitación a un ano das baixas temporais en Tráfico dos vehículos que se encontren inactivos.
O prazo empeza a contar desde a data de solicitude de dita baixa temporal e volverá automaticamente a estar en situación activa ao pasar o ano, salvo que o interesado solicite unha prórroga de dita baixa.
O citado regulamento tamén obriga a facer unha inspección ITV aos vehículos que, habendo sido declarados sinistro total por unha compañía asegurador, se pretenda reincorporar á circulación ou transferir a outro titular. Este control tamén se requirirá no caso de baixa de vehículo por traslado a outro país.
30 abr 2021
Tras a súa publicación no BOE do sábado 24 de abril, entrou en vigor o novo Real decreto 284/2021, de 20 de abril, que regula as condicións para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP) dos condutores de vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada, e incorpora as últimas modificacións da normativa europea en relación aos permisos de condución e á idade na que se poden expedir determinados permisos de condución aos titulares dun certificado de aptitude profesional.
Ademais, reformuláronse as exencións daqueles condutores que non teñen a obriga de obter a formación específica, de conformidade coa normativa comunitaria, e flexibilizáronse os requisitos para que unha empresa autorizada como centro de formación poida prestar os seus servizos en todo o territorio nacional.
En canto aos contidos formativos, esta regulación potencia a formación en seguridade viaria e en condución eficiente desde o punto de vista do consumo de combustible, as condicións meteorolóxicas extremas e as operacións especiais de transporte.
Os cursos deberán referirse tamén aos sistemas de transporte intelixente e evolucionar co desenvolvemento tecnolóxico, de tal xeito que se marca como novo obxectivo que o condutor sexa capaz de anticipar e avaliar os riscos do tráfico e adaptarse a eles.
Tamén se prevé a validación de horas de formación esixida por outras normas comunitarias para obter a formación obrigatoria do CAP (mercadorías perigosas, transporte de animais vivos, cursos de sensibilización para persoas con discapacidade, etc.).