Nova
Noticia
Entra en vigor a nova regulación da formación de conductores CAP
30 abr 2021
Tras a súa publicación no BOE do sábado 24 de abril, entrou en vigor o novo Real decreto 284/2021, de 20 de abril, que regula as condicións para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP) dos condutores de vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada, e incorpora as últimas modificacións da normativa europea en relación aos permisos de condución e á idade na que se poden expedir determinados permisos de condución aos titulares dun certificado de aptitude profesional.

Ademais, reformuláronse as exencións daqueles condutores que non teñen a obriga de obter a formación específica, de conformidade coa normativa comunitaria, e flexibilizáronse os requisitos para que unha empresa autorizada como centro de formación poida prestar os seus servizos en todo o territorio nacional.

En canto aos contidos formativos, esta regulación potencia a formación en seguridade viaria e en condución eficiente desde o punto de vista do consumo de combustible, as condicións meteorolóxicas extremas e as operacións especiais de transporte.

Os cursos deberán referirse tamén aos sistemas de transporte intelixente e evolucionar co desenvolvemento tecnolóxico, de tal xeito que se marca como novo obxectivo que o condutor sexa capaz de anticipar e avaliar os riscos do tráfico e adaptarse a eles.

Tamén se prevé a validación de horas de formación esixida por outras normas comunitarias para obter a formación obrigatoria do CAP (mercadorías perigosas, transporte de animais vivos, cursos de sensibilización para persoas con discapacidade, etc.).