01 dec 2021
A Dirección Xeral de Tráfico publicou a instrución VEH 21/05 relativa á sinalización voluntaria de advertencia de perigo de “ángulos mortos” en autocares, vehículos comerciais lixeiros, camións ríxidos, tractocamións e vehículos de transporte de residuos urbanos.
Esta medida enmárcase nun conxunto de accións que se veñen adoptando na Unión Europea para diminuír o risco de accidente mellorando a visibilidade do condutor en furgonetas de reparto, autobuses e camións; e pretende reducir as cifras de sinistralidade e vítimas como consecuencia de accidentes de tráfico no ámbito urbano.
En 2020 faleceron en vías urbanas un total de 153 peóns, 134 motoristas, 21 usuarios de bicicleta e 7 usuarios de vehículos de mobilidade persoal, ademais dun número elevado de feridos graves, en moitas ocasións en accidentes con vehículos comerciais e pesados.
O sinal, cuxa colocación é de carácter voluntario, afecta aos vehículos de transporte de viaxeiros de máis de 9 prazas, incluído o condutor, aos vehículos de transporte de mercadorías das categorías N1, N2 e N3, e aos vehículos de transporte de residuos no ámbito urbano.
28 nov 2021
A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo declarou nulo o apartado segundo da Orde SND 413/2020, de 15 de maio, ditada polo Ministerio de Sanidade, que acortou o período de validez das ITV de vehículos realizadas tras a declaración do primeiro estado de alarma e das súas sucesivas prórrogas.
A orde ministerial flexibilizaba a realización da revisión, pero a data da seguinte revisión da ITV marcábase conforme á data de caducidade anterior e non pola data de superación real da revisión.
Así, os vehículos e camións con ITV caducada entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020 poderán pasar a seguinte revisión técnica a partir do cómputo do prazo que marca a lei desde a última revisión superada.
Non obstante, aínda que os vehículos e camións con ITV vencida entre o 21 de xuño e o 31 de agosto tamén tiveron unha prórroga de ata 3 meses para superar a revisión, ao tratarse dunha norma de rango de Lei non se inclúe neste recurso/sentencia.
26 nov 2021
A segunda convocatoria das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte por estrada en empresas de mercadorías e de viaxeiros terá lugar o vindeiro 11 de decembro en Santiago de Compostela.
Os aspirantes inscritos e admitidos nesta nova convocatoria serán citados en chamamento único, en horario de mañá ou de tarde, segundo a tipoloxía do exame ao que se concorre. A primeira convocatoria de exames para este ano celebrouse o pasado 26 de xuño.
A convocatoria das probas de transporte interior e internacional de mercadorías comezarán a partir das 09:00 horas e as probas de transporte interior e internacional de viaxeiros a partir das 16:15 horas. En ambos os dous casos, o horario das probas será consonte co asignado a cada aspirante na correspondente relación de admitidos.
Ás horas indicadas nos listados de admitidos, procederase a chamar aos aspirantes en grupos de quince, pola orde estrita do listado, que entrarán na zona de acceso. Os chamamentos realizaranse en intervalos de 5 minutos, coa máxima puntualidade.
No exterior do recinto ofrecerase información sobre as medidas de seguridade para o acceso e a realización das probas, sendo obrigatorio, en todo caso, o uso de máscara.
O Diario Oficial de Galicia de 25 de novembro de 2021 publica a resolución pola que se establece a data destes exames, que se levarán a cabo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://bit.ly/3xkepfQ
25 nov 2021
Os Orzamentos da Xunta para o próximo ano recollerán un programa pioneiro en Galicia para que as pemes galegas poidan mellorar a eficacia na loxística, o abastecemento e a distribución de produto.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación adiantou este programa na presentación da marca Galicia Logistics, á que están adheridas a propia Xunta, as autoridades portuarias galegas e as empresas que forman parte do Clúster da Función Loxística de Galicia.
Galicia Logistics é unha iniciativa, apoiada pola Xunta a través da vicepresidencia económica e as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e do Mar, para impulsar o posicionamento loxístico de Galicia e o desenvolvemento de actividades que permitan unha maior competitividade ao tecido produtivo neste ámbito, permitindo a comercialización dos nosos produtos e a atracción de novos investimentos.
Os retos da loxística están na transformación dixital e sostible, a optimización do sistema de infraestruturas (por exemplo, o Corredor Atlántico), o impulso á internacionalización (Galicia bateu récord de exportacións entre xaneiro e agosto) e a innovación colaborativa con incentivo de talento e proxectos (como vai ser Cologistics).
22 nov 2021
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou o proxecto da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2020-2028 e convidou a participar na súa elaboración ás Autoridades Portuarias e aos operadores loxísticos e empresariais.
En xaneiro de 2022 Galicia contará cun “Plan de acción” co conxunto de actuacións necesarias para impulsar a modernización da súa rede ferroviaria e incrementar a súa competitividade.
A Xunta marca o obxectivo de duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no ano 2030 grazas á incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico. Trátase de completar as infraestruturas esenciais no transporte de mercadorías, especialmente a conexión de tren de Punta Langosteira e a Saída Sur de Vigo, ademais de incrementar a colaboración interrexional e entre operadores e de promover incentivos que impulsen o transporte intermodal.
Ethel Vázquez sinala como meta impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE para transportar 3 M Tn máis cada ano por ferrocarril e evitar así a emisión de 150.000 Tn de CO2.
La titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que o investimento para modernización ferroviaria de Galicia se estima en 3.300 M€ e remarcou a necesidade de aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos europeos para dotar a Galicia dunha rede de infraestruturas ferroviarias moderna e competitiva capaz de ofrecer un transporte de mercadorías multimodal.
02 nov 2021
Unha condución sen freadas intensivas nin aceleracións rápidas, a velocidade constante, rebaixa o consumo e as emisións nun 15% segundo a Dirección Xeral de Tráfico; que engade que a condución intelixente e responsable aporta seguridade e confort, ao tempo que aforra custos nos consumos de combustible no mantemento do vehículo.
No marco dunha práctica con camión realizada polo triplo Campión de Europa de carreiras de camións, Antonio Albacete, Euromaster apunta que unha condución eficiente pode aforrar ao transportista ata o 20% do combustible, aplicando pautas como non acelerar o camión xunto ao arrancalo, levar as marchas máis longas posibles sempre dentro do par motor, manter unha velocidade constante sen freadas intensivas nin aceleracións rápidas e levar os pneumáticos coa presión axeitada, entre outras.
Estas recomendacións están na liña dos consellos e recomendacións que ven realizando a Dirección Xeral de Tráfico desde fai anos para o aforro de combustible e a condución eficiente, relativas ao estado dos pneumáticos, distribución da carga, arranque do vehículo, anticipación aos eventos na circulación, uso de marchas e aceleración do vehículo, uso do aire acondicionado...
27 out 2021
O transporte pesado de mercadorías supón, actualmente, o 4,5% das emisións de efecto invernadoiro dentro da Unión Europea, segundo a Asociación do Transporte Internacional por Estrada (Astic).
O transporte de mercadorías por estrada é un dos eixos do desenvolvemento económico mundial, predominando sobre outros medios de transporte de mercadorías. España é a segunda potencia europea no sector, con cen mil empresas e 360 mil vehículos profesionais, e unha cota de mercado na UE do 16%, supoñendo en torno ao 5% do PIB nacional.
Galicia conta cunha flota de 25.771 camións e de 30 mil condutores de camións en activo. En concreto, en 2020 transportáronse 109 millóns de toneladas de mercadorías con orixe ou destino en Galicia, das cales case un 25% tiñan vinculación nacional e case un 5% internacional.
Aínda que a eficiencia e sostenibilidade do sector permitiu reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro nun 20%, o Pacto Verde Europeo proponse chegar á neutralidade de emisións en 2050, cunha redución neta do 55% das emisións en 2030 en comparación con 1990.
Este propósito, no ámbito do transporte por estrada, requirirá:
a) A formación dos condutores nunha condución máis eficiente.
b) A renovación da flota con vehículos híbridos o que empreguen combustibles alternativos.
c) A mellora da planificación de rutas e a intermodalidade.
25 out 2021
As autoescolas galegas están percibindo un incremento na demanda de persoas interesadas en obter o carné de conducir para camións e para autobuses, ao igual que a demanda de profesionais por parte das empresas do sector do transporte por estrada.
Os permisos que autorizan para conducir vehículos destinados ao transporte de mercadorías son o C1, C, C1+E e C+E, conforme ás condicións establecidas no Real decreto 818/2009, de 8 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de condutores.
O permiso C1 require superar unha proba de coñecementos específicos, unha proba en circuíto pechado e unha proba en circuíto aberto. Con este permiso acédese á condución de vehículos de mercadorías de máis de 3500 kg, sen superar os 7500 kg, e con un máximo de 9 prazas (incluído o condutor).
Estes carnés requiren, ademais, obter o Certificado de Aptitude Profesional para realizar esta actividade. A cualificación inicial é unha formación regulada de 140 horas, a través dun centro autorizado pola Administración, e examinada a través de convocatorias da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia. Pódese obter máis información no apartado de Formación para profesionais do transporte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
23 out 2021
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo o 18 de outubro un encontro de traballo con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR).
No encontro, a conselleira trasladou a sensibilidade do Goberno galego ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do progresivo incremento do prezo dos combustibles, e avanzoulles aos representantes de APENTAMCOR que a Xunta vai reforzar nos Orzamentos de 2022 as partidas destinadas á formación do colectivo.
Co obxectivo de facilitar o acceso de man de obra ao sector, a Xunta incrementará o vindeiro ano un 25% as axudas dirixidas á formación no eido do transporte por estrada, cun investimento de 500.000 euros.
O Goberno galego comprométese a traballar para facilitar as tramitacións administrativas e a buscar alternativas para impulsar áreas de descanso, así como seguir co apoio que vén prestando ao sector para garantir a súa competitividade.
A Xunta leva mobilizado desde 2017 preto de 2 M€ en axudas á formación en ámbitos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas e o Certificado de Aptitude Profesional (CAP). No ano 2020, ao abeiro destas axudas, realizáronse un total de 1.139 cursos, nos que participaron un total de 11.351 persoas.