Nova
Noticia
A Xunta incrementará un 25% as axudas para a formación de transportistas
23 out 2021
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo o 18 de outubro un encontro de traballo con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR).

No encontro, a conselleira trasladou a sensibilidade do Goberno galego ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do progresivo incremento do prezo dos combustibles, e avanzoulles aos representantes de APENTAMCOR que a Xunta vai reforzar nos Orzamentos de 2022 as partidas destinadas á formación do colectivo.

Co obxectivo de facilitar o acceso de man de obra ao sector, a Xunta incrementará o vindeiro ano un 25% as axudas dirixidas á formación no eido do transporte por estrada, cun investimento de 500.000 euros.

O Goberno galego comprométese a traballar para facilitar as tramitacións administrativas e a buscar alternativas para impulsar áreas de descanso, así como seguir co apoio que vén prestando ao sector para garantir a súa competitividade.

A Xunta leva mobilizado desde 2017 preto de 2 M€ en axudas á formación en ámbitos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas e o Certificado de Aptitude Profesional (CAP). No ano 2020, ao abeiro destas axudas, realizáronse un total de 1.139 cursos, nos que participaron un total de 11.351 persoas.