Nova
Noticia
Nova proposta da Comisión europea para mellorar o transporte de animais vivos
12 xan 2024
A UE presentou o pasado 7 de decembro a súa proposta lexislativa para substituír o actual regulamento que regula o transporte de animais vivos.

Tal e como se anunciou na Estratexia “Da Granxa á Mesa”, a Comisión propuxo a maior reforma das normas en materia de benestar animal da UE durante o transporte en vinte anos.

O paquete inclúe unha revisión das normas vixentes da UE para o transporte de animais, o que mellorará o benestar dos 1 600 millóns de animais transportados cada ano dentro da UE e desde ela. As novas normas reflicten os datos e coñecementos científicos máis recentes, así como os avances tecnolóxicos.

A nova proposta céntrase en ámbitos crave para garantir o benestar dos animais durante o transporte:
• Acurtarase a duración dos traslados e, durante as viaxes longas, deberán descargarse os animais para permitirlles descansar, alimentarse e beber auga. Aplicaranse normas especiais aos animais destinados ao sacrificio e aos animais vulnerables, como os tenreiros non destetados e as femias en estado de xestación.
• Aumentarase o espazo dispoñible para garantir un espazo mínimo para os distintos animais, adaptado a cada especie.
• O transporte a temperaturas extremas estará suxeito a condicións estritas, como que o transporte só poida levar a cabo pola noite se as temperaturas superan os 30 °C. Ademais, cando as temperaturas sexan inferiores a 0 °C, cubriranse os vehículos de estrada e controlarase a circulación do aire no compartimento no que se atopen os animais para protexelos da exposición ao frío do aire durante a viaxe. Se as temperaturas descenden por baixo de -5 °C, ademais das medidas mencionadas, a duración da viaxe non poderá superar as nove horas.
• Endureceranse as normas para a exportación de animais vivos desde a Unión, que incluirán mellores controis en terceiros países para que se cumpran normas equivalentes ás establecidas na UE.
• Aproveitaranse ao máximo as ferramentas dixitais para facilitar a vixilancia do cumprimento das normas de transporte (por exemplo, o posicionamento en tempo real dos vehículos ou unha base de datos central).