Nova
Noticia
Concesión axudas formación 2023 por valor de 500.000 euros
28 feb 2023
A Xunta outorga axudas a 9 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia cun investimento de 500.000 €

No Diario Oficial de Galicia núm. 41, do 28 de febreiro de 2023, publícase a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, do 17 de febreiro de 2023, pola que se conceden as axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.

Estas subvencións van dirixidas ás asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou ás federacións destas, integrantes do Comité Galego de Transporte por Estrada, para a formación en relación con transporte por estrada en Galicia para o ano 2023.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez distribuíu estas axudas entre os plans formativos que acadaron as maiores puntuacións, atendendo aos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte ou a promoción do idioma galego.

O obxectivo que persegue o departamento de Mobilidade da Xunta con estas axudas é que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

De acordo co disposto na convocatoria de axudas, as entidades beneficiarias teñen de prazo ata o día 2 de novembro de 2023 para xustificar as actividades formativas realizadas durante este ano.

No ano 2022 realizáronse 185 cursos ao abeiro destes incentivos da Xunta, dos que se beneficiaron un total de 2.360 alumnos.

Enlace á resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230228/AnuncioG0533-210223-0002_gl.html