Nova
Noticia
A Xunta concede preto de 450.000 euros en axudas para a formación no eido do transporte por estrada
03 xan 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou, no Diario Oficial de Galicia de 2 de xaneiro de 2023, a resolución coa listaxe das 9 asociacións profesionais e empresariais ás que se lle concederon axudas para a formación no eido do transporte por estrada, que se poden consultar no seguinte enlace ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230102/AnuncioG0533-231222-0001_gl.html

O importe total outorgado para o financiamento dos plans formativos presentados polas entidades beneficiarias é de 443.513,52 €.

O obxectivo destas axudas é colaborar coas entidades que se integran no Comité Galego de Transportes co fin de que realicen un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

Estas subvencións contribúen a que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en materias como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.

Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

Nas tres últimas convocatorias, as dos anos 2020, 2021 e 2022, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 453 cursos nos que participaron un total de 6.372 profesionais.