Nova
Noticia
A Xunta vai a construír un novo tramo da autovía Santiago – A Estrada
21 dec 2022
7/12/2022
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello aprobou na súa reunión semanal o expediente de información pública dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada) que se enmarcan na aposta do Goberno galego por “ampliar a rede de vías de altas prestacións libres de peaxe”, resaltou o presidente.
Rueda destacou que investimento total para ampliar esta vía “superará os 60 millóns de euros” e que as obras se dividirán en dúas fases: un subtreito entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241); e o outro entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).
Tal e como explicou o presidente, o Consello autorizou hoxe a información pública do novo treito de case oito quilómetros da autovía Santiago-A Estrada e tamén aprobou o proxecto de trazado do primeiro dos subtreitos, o que une A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea, no municipio de Teo.
O investimento que o Goberno galego destinará a prolongar este novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,2 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 291 predios necesarios para impulsar estas obras.
No proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas, o novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.
A súa lonxitude é de algo máis de 3,5 quilómetros, con dous enlaces, un consistente na adecuación do actualmente existente na Ramallosa coa estrada AC-841 e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, situado ao final do treito. A Actuación inclúe 6 novas estruturas: viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores.
Máis en detalle, redeséñase o enlace existente na Ramallosa que une a AG-59 coa estrada AC-841, que constará dun ramal dirección Santiago e un de saída á AC-841. O novo enlace que se construirá na AC-241 constará dunha vía de acceso á AG-59 en sentido Santiago e un de saída, que termina nunha glorieta de 20 metros de radio sobre a AC-241.
Tamén se executarán ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.
As obras previstas inclúen 6 estruturas de nova construción: o viaduto en Santa Lucía, de 150 m de lonxitude; os dous pasos superiores, un no enlace da Ramallosa de 56 metros de lonxitude e outro no enlace coa AC-241 de algo máis de 39 metros de lonxitude; e os tres pasos inferiores.
O Goberno galego prevé iniciar no primeiro trimestre de 2023 as expropiacións co obxectivo de “licitar as obras no primeiro semestre do ano que vén”, indicou Rueda.
Ademais se seguirá traballando en paralelo no proxecto construtivo do subtreito previsto ata o enlace coa estrada PO-841, no Rollo.