Nova
Noticia
500.000 euros para actividades formativas no transporte por estrada en Galicia
24 nov 2022
No Diario Oficial de Galicia de 24 de novembro de 2022, publúcase a Orde do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia e se convocan para 2023.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, nunha aposta decidida pola mellora da calidade do servizo público de transporte, ten consolidada unha liña de subvencións orientada a mellorar as capacidades profesionais e as habilidades técnicas do persoal que opera no sector.

As distintas convocatorias posibilitaron o desenvolvemento na nosa Comunidade duns completos programas de formación, deseñados polas asociacións profesionais integradas no Comité Galego de Transporte por Estrada, que tiveron a súa tradución nun sector máis preparado e, polo tanto, máis competitivo.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite unha mellor planificación das actividades formativas por parte das entidades solicitantes e a posibilidade de obter antes a consecuente resolución, así como unha maior marxe temporal para a xustificación por parte das entidades. A convocatoria conta cunha partida orzamentaria de 500.000 euros para atender ás solicitudes presentadas.

Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan acreditada e recoñecida a súa representatividade no marco do sector profesional por resolución da Dirección Xeral de Mobilidade con anterioridade ao vencemento do prazo para presentar as solicitudes previstas nesta orde, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo II a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF318A.

Poden acceder á Orde de convocatoria no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221124/AnuncioG0533-151122-0004_gl.html