Nova
Noticia
A Xunta abre unha canle anónima para comunicar presuntos incrumprimentos normativos en transportes
11 out 2022
A Xunta activou o luns 10 de outubro unha canle anónima para a comunicación de presuntos incumprimentos normativos en materia de transportes de competencia autonómica.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade implanta no seu portal web unha canle para que os cidadáns poidan poñer en coñecemento da Inspección de Transporte posibles incumprimentos normativos no transporte de viaxeiros e tamén de mercadorías.

O cidadán, de xeito anónimo, pode efectuar a comunicación dos feitos que entenda que poden constituír un incumprimento da normativa de transporte sen necesidade de consignar ningún dato identificativo.

Se así o desexa, o usuario poderá achegar un correo electrónico que permita que a Administración poida requirir información adicional en relación aos feitos denunciados para a súa investigación.

O formulario electrónico prevé unha serie de campos para identificar o obxecto e suxeito ao que se atribúe a irregularidade comunicada e a súa data de comisión, acoutada temporalmente con base nos prazos de prescrición das infraccións.

Tamén se prevé unha nomenclatura que codifica os ámbitos nos que poden encadrarse os feitos relatados: carencia de autorización, carencia de CAP, tempos de condución e descanso, incumprimentos de tacógrafo, exceso de peso, transporte regular de viaxeiros, transporte escolar, taxis, estacións de autobuses, entre outras opcións.

Adicionalmente, recóllese un campo de texto de ata 6.000 caracteres e a posibilidade de xuntar documentación complementaria nun amplo abano de formatos.

A Xunta, coa posta en marcha desta iniciativa, continua traballando por reforzar a comunicación eficiente cos cidadáns e a transparencia de cara a mellorar, neste caso, os servizos de transporte prestados na comunidade.

Pode acceder a este trámite a través do espazo web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, no apartado de “Procedementos e formularios” ou directamente empregando o seguinte enlace:
https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/comunicacions-inspeccion-transporte?langId=gl_ES